As obras de asfaltado que realizará a Xunta requirirán pechar ao tráfico a rúa do Progreso por tramos desde o luns

Redacción

A Policía Local do Concello de Ourense informa de que a execución das obras de asfaltado, pavimentación e acondicionamento integral da calzada da rúa do Progreso, que vai levar a cabo a Xunta de Galicia, requirirá adoptar medidas especiais de regulación do tráfico desde o luns, 13, ata o domingo, 19 de xullo. Dada a magnitude dos traballos, a presenza de maquinaria pesada e a necesidade de actuar sobre a superficie de rodadura, a circulación de vehículos quedará totalmente suspendida cada día na zona afectada.

O calendario de restricións activarase por tramos:

  • Luns, 13 de xullo (a partir das 06.00 horas): Procederase ao corte temporal da circulación no tramo comprendido entre a praza de Concepción Arenal e a glorieta de San Rosendo (Concordia).
  • Martes, 14 (a partir das 06.00 horas): Procederase ao corte no tramo comprendido entre a glorieta de San Rosendo e a rúa Parada Justel.
  • Fases posteriores: Realizaranse as obras de pavimentación no tramo comprendido entre a baixada á praza de Abastos e a intersección coa rúa da Coruña e a avenida de Zamora.

Aviso para residentes e usuarios de garaxes

Quedará inhabilitado de forma ininterrompida o uso dos accesos e saídas das cocheiras e vaos particulares perimetrados. Estas restricións manteranse vixentes ata a conclusión definitiva das actuacións na vía pública.

Seguridade  e recomendacións

A Policía Local coordinará o dispositivo de seguridade viaria. Colocará valado perimetral e instalará sinalización circunstancial obrigatoria e supervisará o dispositivo en todo momento.

Desde a dirección técnica da obra destácase que a adopción destas medidas resulta estritamente imprescindible para cumprir coa normativa de prevención de riscos laborais, garantindo a seguridade dos operarios e dos usuarios da vía. O acceso preferente para os vehículos de emerxencias e servizos esenciais está plenamente garantido, se fose necesario.

Desde o Concello solicítase a máxima colaboración cidadá, rogando aos condutores que planifiquen os seus itinerarios con antelación e utilicen vías alternas debidamente sinalizadas. Tamén pide aos usuarios da vía a máxima precaución e o estrito cumprimento das indicacións dos sinalistas de obra.

Autobús urbano

O corte de tráfico afectará o luns 13 ás rutas de 3 liñas do servizo de autobuses urbanos: a número 4: Eirasvedras-antiga estación de autobús- Seixalbo (só en sentido Seixalbo), a 5: Reza-Ceboliño (só en sentido Ceboliño) e a 6: “Antiga estación de autobús-As Curuxeiras” (só en sentido As Curuxeiras). Máis información na páxina web do Concello: Aviso Progreso

O martes 14 os percorridos das liñas de autobús non se modificarán.

Comparte este artigo