A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 18 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu ao mediodía de hoxe no salón de plenos.
Licenzas (6). Concedeu as licenzas para construír unha vivenda unifamiliar na estrada de Reza e para adaptar a garaxe un local na rúa Pastor Díaz. Denegou as autorizacións para o proxecto reformado de ampliación doutra unifamiliar no lugar de Lodeiros (Vilar de Astrés), e para a legalización e remate de obras dunha unifamiliar na rúa da Senra. Non autorizou a prórroga para rematar as obras de construción dunha vivenda unifamiliar na rúa da Viña, en Rairo e estimou a innecesariedade de licenza urbanística para segregar unha parcela na rúa Esgos.
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobou o proxecto de modificación orzamentaria 1P/2026, por importe de 110.470,81 euros, en execución de sentenza nun proceso de expropiación urbanística. O acordo será elevado ao Pleno do Concello para a súa aprobación provisional.
Persoal e recursos humanos (1). Aprobou inicialmente a modificación 5/2025 da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense para a reorganización e normalización das xefaturas de servizo. O expediente someterase a información pública por un prazo non inferior a 20 días no Boletín Oficial da Provincia de Ourense ou na Sede electrónica Municipal – Taboleiro de Edictos. Se nese prazo non se presentan reclamacións, suxestións ou alegacións, a aprobación elevarase a definitiva.
Avogacía Consistorial (10). Deu conta de 8 resolucións xudiciais: un decreto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e 5 sentenzas e 2 decretos ditados polos tribunais de instancia da Sección do Contencioso Administrativo (prazas número 1 e 2). Ademais, o Concello deberá comparecer diante dos xulgados de Ourense en 2 procedementos abreviados.

