Nova convocatoria para as listas de contratacións temporais de axuda no fogar e condutor-palista

Redacción

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o día 28 de xullo

O concello de Ponteareas abriu unha nova convocatoria, trala súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para poder optar á inclusión nas listas municipais de contratacións temporais para os postos de Auxiliar de axuda no fogar (grupo 3.3) e Condutor-Palista (grupo 3.1).  

Aínda que con anterioridade foi aprobada e publicada unha primeira convocatoria, na que se incluían máis postos, o proceso de selección pechouse cun baixo índice de apuntados para os citados postos. Dase a circunstancia de que tanto o posto de Auxiliar de axuda no fogar como o de Condutor-Palista contan cunha alta demanda, o que levou a establecer unha convocatoria extraordinaria. Destacar que as persoas que tiveran presentado a documentación para ditas categorías no primeiro prazo de presentación de instancias non estarán obrigados a presentar a documentación de novo.

Os requisitos para poder inscribirse de forma correcta nas listas pasan por cumprir e acreditar as siguientes condicións: Graduado escolar, ESO ou titulación equivalente para postos do grupo 3. Para Auxiliar de axuda no Fogar requírese o título oficial ou certificado de profesionalidade específico de atención sociosanitaria. Para a praza de Condutor-Palista é obrigatorio estar en posesión do carnet de conducir clase C (camións). Tamén será necesaria a acreditación do nivel de coñecemento da lingua galega ou superar a proba sustitutiva.

Na páxina web do concello poden consultarse as bases completas, entrando no apartado de Emprego Público e posteriormente no de Selección Temporal de Persoal. Cabe salientar que esta convocatoria extraordinaria estará aberta ata o día 28 deste mes. Pasada esa data xa no se admitirán máis solicitudes.

Comparte este artigo