A Deputación remata hoxe coa retirada de entullo na Bouza e trasladaranse os medios materiais e humanos á localidade de Pixeiros

Redacción

Con máis de 5.000 metros cúbicos de material extraído, os traballos sufriron un lixeiro retraso respecto ao plan inicial debido a que o volume de material acumulado era superior ao previsto

A Deputación de Ourense completa hoxe as tarefas de limpeza e retirada de entullo no núcleo da Bouza considera a “zona cero” das riadas sufridas na provincia o pasado 17 de xuño. O dispositivo mobilizado para esta actuación conseguiu extraer e xestionar máis de 5.000 metros cúbicos de material ata o momento.

Os traballos, executados a través dun operativo técnico composto por unha retroescavadora e tres camións, sufriron un lixeiro atraso sobre a planificación inicial debido a que o volume de residuos acumulados na zona era superior ao estimado.

Unha vez finalizadas hoxe as tarefas de limpeza na Bouza, os medios técnicos e humanos despregados na zona desprazaranse mañá mesmo ata a localidade de Pixeiros, onde darán comezo de inmediato aos traballos de limpeza programados para esta zona.

Comparte este artigo