- O alcalde e a concelleira de Artes e Festexos recibiron esta mañá o equipo organizador no salón de plenos
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello o equipo organizador do Magosto de Castro de Beiro, considerado o magosto de carácter asociativo máis antigo da cidade. Esta celebración vénse desenvolvendo de xeito continuado na localidade ourensá desde o ano 1983, coa única excepción do parón obrigado pola pandemia.
Co lema “Antes ca nós ninguén”, a asociación cultural e veciñal organiza esta tradicional cita para pasado mañá, mércores, 11 de novembro, co patrocinio do Concello de Ourense. O evento terá lugar no Campo da Festa e ofrecerá un menú a base de polbo, panceta e carne ao caldeiro, ademais das imprescindibles castañas asadas.
Segundo explica José Ramón Piñeiro, membro da organización, “a partir das 10.00 empezaremos a facer unha fogueira, asaremos as castañas, teremos unha charanga e imos pasar un día agradable en compañía. Vén xente de moitos sitios que non está aquí habitualmente: de Madrid, de Xixón, de Barcelona… expresamente para pasar o día de San Martiño en Ourense”.
Piñeiro detalla que o magosto de Castro de Beiro “é o máis antigo a nivel de asociacionismo, porque magostos fixéronse sempre, pero a nivel de asociacionismo isto comezou no ano 1983, cando se empezaron a xuntar no campo da festa, ao mellor unha ducia de persoas, e ano tras ano foi en aumento. Só parou nos anos da pandemia, e todos os anos temos unha participación aproximada de 400 persoas: reunímonos alí, montamos unha carpa e durante estas datas desenvolvemos máis actividades: proxectamos películas, organizamos charlas interesantes, unha representación teatral, e o día 30 de novembro, que é o noso patrón, o Santo André, teremos algo especial, cunha misa e despois un viño galego para todos os asistentes”, avanza desde a organización.

