A Deputación e os alcaldes da comarca de Valdeorras redefinen as actuacións do Plan de Actuación Integral para garantir o financiamento europeo

Redacción

O presidente e a vicepresidenta primeira, Luis Menor e Marta Nóvoa, reuníronse hoxe, acompañados polos técnicos que xestionan o PAI, para definir conxuntamente cos rexedores locais as obras a desenvolver en base ao cambio dos criterios de selección de proxectos por parte do Goberno Central

Durante o encontro, o presidente subliñou o papel clave da Deputación como “coordinadora e impulsora” de toda a xestión administrativa e financeira do PAI, un proxecto que beneficiará “á veciñanza de Valdeorras”

O principal anuncio da xornada foi o inicio do proceso de licitación de dúas das actuacións máis importantes: a construción dunha pasarela peonil sobre o río Sil no Malecón de Carballeda de Valdeorras e a rehabilitación da Torre Fortaleza do Castro no Barco de Valdeorras

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado pola vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa,  mantivo hoxe na Casa Grande de Viloira do Barco de Valdeorras, unha xuntanza de traballo e seguimento cos alcaldes e representantes municipais de Valdeorras para abordar o estado de execución e os vindeiros pasos a seguir do Plan de Actuación Integral (PAI) “Valdeorras polos Camiños do Sil”.

Este plan estratéxico, que conta cun orzamento global de 10 millóns de euros, abrangue os nove concellos da comarca e está deseñado para acadar unha transformación integral do territorio baseada na sostibilidade, o turismo e a posta en valor do patrimonio.

Durante o encontro, o presidente subliñou o papel clave da Deputación como “coordinadora e impulsora” de toda a xestión administrativa e financeira do PAI, un proxecto que beneficiará “á veciñanza de Valdeorras”.

 

Primeiras grandes obras en marcha: Carballeda e O Barco

O principal anuncio da xornada foi o inicio do proceso de licitación de dúas das actuacións máis importantes do programa. Trátase da construción dunha pasarela peonil sobre o río Sil no Malecón de Carballeda de Valdeorras e da rehabilitación da Torre Fortaleza do Castro no Barco de Valdeorras.

Ambas actuacións, que suman un orzamento conxunto de preto de 1,5 millóns de euros (incluíndo os custos de dirección de obra e coordinación), entran xa na fase de licitación administrativa, que se estenderá durante os vindeiros tres ou catro meses, prevendo o inicio das obras a continuación. Estas actuacións serán fundamentais para cumprir co obxectivo de ter o 20% do total do programa executado, xustificado e pagado antes do vindeiro mes de marzo.

De cara ao futuro próximo, avanzáronse outros proxectos de tramitación inmediata, como o acondicionamento do Camiño Real no Malecón do Barco, o desenvolvemento do espazo verde do “Xardín Botánico”, a posta en valor do patrimonio romano na Ponte de Córgomo, así como melloras de espazos públicos nos núcleos de Oulego e o Real, no concello de Rubiá.

Flexibilidade e reprogramación para asegurar o 100% dos fondos

A reunión de hoxe serviu tamén para amosar a “flexibilidade e capacidade de adaptación” da Deputación á hora de xestionar estes complexos fondos de financiamento europeo. Dada a atomización inicial do plan, que prevía preto de 50 actuacións en toda a comarca, e ante o cambio dos criterios de selección de proxectos por parte do Goberno Central, o equipo técnico propuxo aos concellos unha reprogramación de mutuo acordo.

Esta reconfiguración afectará a aquelas pequenas obras que non resultaban finalmente elixibles (como tarefas ordinarias de conservación ou mantemento). Estes fondos reasignaranse para reforzar os grandes proxectos transformadores do plan.

O presidente provincial quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade absoluta: “Ningún concello vai perder nin un só euro. A contía total asignada a cada municipio mantense invariable, unicamente reaxustamos as actuacións de común acordo para asegurar que o 100% do plan sexa financiable polo programa europeo”.

Comparte este artigo