Os interesados deben anotarse nun formulario web en www.nigran.es ata o venres 31 de xullo ás 12:00 horas
Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e agasallos sorpresa. O evento coincide coa celebración da feira de oportunidades de Ovalmi Portobelo
O Concello de Nigrán abre ata o venres 31 de xullo ás 12:00 horas o prazo de inscrición para participar na xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada ‘Flota Como Poidas’, que terá lugar o domingo 2 de agosto ás 18:00 horas desde a ponte de Ramallosa, no Río Miñor. Os interesados deberán anotarse no formulario web do Concello en www.nigran.es. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 16.30 a 17.30 horas. Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma e agasallo sorpresa.
O Concello recorda que é obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante. Coma sempre, premiarase o artefacto flotante máis ‘currado’ e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e o clásico galardón “Titanic” para o primeiro que afunda.
O hilarante evento coincidirá coa celebración na mesma contorna da feira de oportunidades Portobelo organizada por Ovalmi en colaboración co Concello de Nigrán.

