A alcaldesa e a concelleira de Servizo Sociais coñeceron in situ as vantaxes da iniciativa
O Concello de Ponteareas e Cruz Vermella consolidaron a súa alianza polo benestar social mediante o desenvolvemento do Convenio para a autonomía dixital e social das persoas maiores. No marco deste acordo, unha veciña de Ponteareas converteuse na primeira persoa da comunidade en contar cun sistema de teleasistencia avanzada e domótica adaptada na súa vivenda.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a concellleira de Servizos Sociais, Raquel Plana, e representantes de Cruz Vermella achegáronse ata a parroquia ponteareana de Angoares para coñecer in situ a importancia e funcionamento desta tecnoloxía avanzada. Raquel puxo de manifesto que esta acción pioneira busca favorecer de forma directa a permanencia dos maiores nos seus propios fogares “baixo condicións óptimas de seguridade, independencia e calidade de vida”.
A alcaldesa puxo de manifiesto que despois da instalación pioneira de Angoares, “son xa un total de 10 os domicilios que se benefician no municipio destas tecnoloxías avanzadas”. Concretamente, con usuari@s nas parroquias de Padróns, Fozara, Arcos (2), Guillade, San Lorenzo de Oliveira, Ribadetea (2),San Mateo de Oliveira, ademais de Angoares, sendo o punto de partida a nivel Galicia deste moderno proxecto, o que converte a Ponteareas nun referente a nivel galego.
Nava puntualizou que a través deste esforzo coordinado, o Concello de Ponteareas e Cruz Vermella “reafirman o seu compromiso cun modelo asistencial próximo, moderno e adaptado ás persoas”, demostrando que a tecnoloxía é “unha ferramenta indispensable” ao servizo dos coidados comunitarios.
Tecnoloxía
Os dez fogares piloto foron equipados con sensores intelixentes, que superan os 30 dispositivos entre todos os usuarios, conectados mediante tecnoloxía NB-IoT, capaces de supervisar a seguridade doméstica en tempo real e detectar de forma precoz cambios nas rutinas habituais que poidan indicar un risco ou necesidade de apoio. En concreto, os diferentes sensores úsanse para detectar presenza e movemento, situándose en estancias estratéxicas para comprobar que o usuario mantén os seus hábitos; sensores de apertura: colocados en portas principais ou electrodomésticos, para rexistrar a actividade diaria ou detectar se a persoa non regresou a casa á hora prevista; detectores de seguridade do fogar, dispositivos inalámbricos que envían alarmas automáticas inmediatas á central en caso de rexistrar fugas de gas, lume, fume ou inundacións; e sensores de saúde ambientais, que rexistran variacións críticas na temperatura, humidade e luminosidade dos cuartos.
O despregamento tecnolóxico complétase con dispositivos Multivídeo de última xeración. Estas ferramentas incorporan funcionalidades clave orientadas a fomentar a autonomía persoal a través do envellecemento activo. Ademais de permitir videollamadas instantáneas cos equipos de Cruz Vermella para mitigar a soidade non desexada, ofrecen programas de exercicios de estimulación cognitiva, táboas de actividade física adaptada e contidos de entretemento accesibles. Así mesmo, os sistemas de teleasistencia facilitan o contacto inmediato ante calquera incidencia, achegando tranquilidade aos usuarios e ás súas familias.
Máis alá da asistencia tecnolóxica directa, o convenio subscrito desprega un plan de acción integral enfocado na capacitación comunitaria. O programa contempla a organización de obradoiros formativos para reducir a fenda dixital na poboación de maior idade. De forma paralela, ambas entidades impulsarán campañas e actividades de sensibilización social deseñadas para combater activamente o edadismo, erradicar prexuízos e promover una percepción positiva do envellecemento na sociedade.

