O concello de Nigrán continúa esta noite no Nigránjazz co grupo holandés “Eclipse” e pecha o sábado co trío do pianista galego Abe Rábade

Redacción

Nigrán abríu onte o festival con Gretchen Parlato, a vocalista estadounidense máis destacada da súa xeración. Esta noite a protagonista e a banda de Ámsterdam ‘Eclipse’ xunto ao contrabaixista galego Álvaro Orcajo e o sábado Abe Rábade trío con John O’Gallagher ao saxo (este último ofrecerá unha master-class pola mañá no Auditorio Municipal)

O ‘Nigranjazz’ do Concello de Nigrán continúa soando ata o sábado no esteiro de A Foz tras estrearse onte de maneira excepcional co cuarteto da estadounidense Gretchen Parlato, considerada a vocalista máis destacada da súa xeración. O festival, que cumpre 20 anos nesta edición con cartaz da ilustradora coruñesa Ana Varela, conta co patrocinio de cervexas Banda, marca radicada en Porto do Molle, e da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan + Provincia. Coma sempre desde o seu nacemento, todos os concertos son de balde.

Esta noite a partir das 21:30 horas o quinteto holandés ‘Eclipse’ subirá ao escenario. Trátase dun proxecto que naceu en Ámsterdam e que está formado por estudantes de jazz diferentes procedencias, incluído o contrabaixista galego Álvaro Orcajo. Como peche, este sábado 18 á mesma hora o protagonista será o pianista Abe Rábade (un dos maiores expoñentes internacionais do jazz feito en Galicia) co seu trío xunto ao californiano John O’Gallagher ao saxo (este último ofrecerá unha master-class ao mediodía no Auditorio Municipal con inscrición aberta a través dun formulario online en www.nigran.org ).

Ao termo de cada un dos concertos comezarán as habituais jam-session tamén na Foz e conducidas sempre por grupos galegos de primeiro nivel, correspondéndolle esta noite a Fooz e o sábado a The Jazz Avengers.

“Despois de 20 anos de jazz de primeiro nivel, o Nigranjazz é xa un referente en toda España”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que, paralelamente, “Nigrán está a contribuír a que exista esta grandísima canteira de músicos galegos que se inician aquí como público”.

Como cada ano, o público poderá charlar desenfadadamente cos músicos asistentes ou consumir comida ou bebida mentras asiste aos concertos. Ademáis, estarán á venda camisetas deste edición e discos e haberá unha exposición ao aire libre cos 20 carteis de cada edición.

Historia do festival

O Nigranjazz cumpre 20 anos sendo o festival máis lonxevo organizado dende o Concello de Nigrán e o único adicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan e polo ambiente que nel se respira. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música apoiados polo Concello de Nigrán a través da Concellería de Cultura que dirixía o actual alcalde Juan González, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Desde entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel, Jean Michel Pilc, Eve Cornelious, Aaron Parks… Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. A master-class protagonizada por algún dos artistas máis destacados de cada edición e o festivai de carteis adicado ao falecido Quin Alborés (quen deseñou os 3 primeiros carteis) e outra parte intrínseca do festival.

Comparte este artigo