O Tocamúsica 2026 despídese o vindeiro 23 de xullo co concerto de Los Kalahari

Redacción
  • O grupo ofrecerá un completo repertorio de Siniestro Total xunto ao exgitarrista Javier Soto e o último batería da banda, Andrés Cunha
  • O ciclo pecha unha edición de éxito tras levar a música en directo a diferentes espazos da Guarda con propostas para todos os públicos

O Concello da Guarda pecha o vindeiro xoves, 23 de xullo, unha nova edición do ciclo TocaMúsica, unha iniciativa que, ao longo dos últimos meses, levou a música en directo a diferentes espazos do municipio, convertendo rúas e prazas en escenarios abertos para o desfrute da veciñanza guardesa e das persoas visitantes.

O concerto de clausura correrá a cargo de Los Kalahari, que ofrecerán, ás 21:00 horas na Praza do Reló, un espectáculo moi especial cun repertorio completo de Siniestro Total, contando ademais coa participación de Javier Soto, exguitarrista da histórica banda viguesa, e de Andrés Cunha, o seu último batería. Unha actuación que promete ser un auténtico broche de ouro para esta edición do ciclo.     

Nesta edición do TocaMúsica apostouse por unha programación variada e de calidade, achegando estilos musicais para todos os públicos e enchendo de ambiente distintos recunchos da Guarda.

O ciclo deu comezo o 23 de maio na Praza Avelino Vicente coa actuación de El cuarto de Tula, unha homenaxe a Buena Vista Social Club que trasladou ao público todo o sabor e a esencia da música cubana. 

A programación continuou o 12 de xuño na rúa Vicente Sobrino coa banda Stormy Trucks, liderada por Valentín Caamaño, que combinou temas propios con versións de grandes clásicos do rock. Posteriormente, o 28 de xuño, God Good levou o soul e o funk ata Chan de Conde cun concerto cargado de ritmo e enerxía que conquistou ao público asistente.

Esta nova edición de TocaMúsica volveu confirmar a excelente acollida que ten a música en directo na Guarda. Os concertos reuniron a numeroso público en cada unha das súas citas, contribuíndo a dinamizar os espazos públicos e a reforzar a programación cultural e de lecer do municipio durante a primavera e o verán.       

O Concello da Guarda fai un balance moi positivo desta edición e agradece tanto a implicación das bandas participantes como a resposta dos guardeses e guardesas e das persoas visitantes, que converteron cada concerto nun éxito de participación.    

Con este último concerto de Los Kalahari péchase unha edición que consolida TocaMúsica como unha cita cultural de referencia no calendario local. O Concello agarda poder volver celebrar este ciclo o vindeiro ano cunha nova programación que continúe apostando pola calidade musical, a diversidade de estilos e propostas capaces de atraer públicos de todas as idades.

Comparte este artigo