O concello de Nigrán celebra este sábado na Foz o Festival “Bocados e Grolos” que une música con alta coctelería e gastronomía

Redacción

Reputados chefs e bartenders ofrecerán as súas mellores creacións a prezos populares e coa música en directo de Geles Alva, Zalomon Grass, Treintañeras Cañeras e DJ´s Vaia Merla

O festivalinclúe bautismos de surf gratuítos con saída desde ali mesmo ás 12:00, 13:00, 14:00 e 15:00 horas con 8 prazas por quenda destinadas a maiores de 12 anos e distribuíndose por orde de chegada

“A gastronomía tamén é cultura e, nesta contorna tan especial todo sabe mellor, así que non dubidamos en apoiar este festival que ven a Nigrán para quedarse”, defende o alcalde, Juan González

O escenario ao aire libre da Foz do Miñor volver a ser o sábado 25 de xullo o epicentro cultural da comarca da man de Bocados e Grolos ‘El Festival’, un orixinal evento do Concello de Nigrán e ‘On the rocks’ (empresa da prestixiosa bartender Ana Pinzás) que unirá durante todo o día música en directo con coctelería e alta gastronomía e incluso con deporte náutico como o paddle surf. O evento conta tamén co apoio da Xunta de Galicia.

Deste xeito, desde ás 12:00 horas á medianoite os asistentes poderán degustar cócteles de entre 6,50 e 8 € realizados por dez recoñecidos bartenders procedentes de toda Galicia e mesmo de Portugal, xuntos versionarán os grandes clásicos e ofrecerán outros feitos ex-profeso para este evento. Eles son: David González de La Sucursal (Vigo), Sonia García (Santiago), Judicael Romero (Tui), Paul González (Atman Speakeasy Oporto), Diego Abal (‘O ratiño pequeno’ – Bueu), Juan García (A Coruña), Carlos Lorenzo (‘A Xaneira’ – Ferrol), Borja Martínez (‘Vitter’ – Vigo), Fernando Fernández e a propia Ana Pinzás (On the Rocks). Unidos a eles, ás horas do xantar e da cea (de 12:00 a 16:00 e de 19:00 a medianoite) ofrecerán exclusivas tapas a prezos de entre 6,50 e 8 € os chefs de ‘La Mesa de Conus’ (Vigo), D´Leria (Carril), Empanada Viajera (A Coruña) e Talaso Atlántico (Oia). A música será tamén protagonista con concerto ás 13:00 horas de Geles Alva, ás 20:00 horas de Zalomon Grass e ás 21:30 Treintañeras Cañeras. Entremedias pinchará DJ´s Vaia Merla.

En comunión coa contorna, durante a mañá realizaranse bautismos de paddle surf gratuítos a cargo de Prado Surf e por orden de chegada. Estes terán lugar ás 12:00, 13:00, 14:00 e 15:00 horas con 8 prazas cada quenda destinadas a maiores de 12 anos.

“A gastronomía tamén é cultura e, nesta contorna tan especial todo sabe mellor, así que non dubidamos en apoiar este festival que ven a Nigrán para quedarse”, defende o alcalde, Juan González. Pola súa banda, Ana Pinzás destaca o obxectivo de “visibilizar o traballo dos bartenders” e unir á imaxe da cóctelería á creatividade e ao consumo responsable e da man de profesionais equiparables aos chef da alta cociña. “Apostamos por un consumo responsable que non busca estar bébedo e que abrangue tamén ás persoas que non beben alcohol, porque tamén facemos espectaculares cocktails sen alcohol”, incide. “A cociña e coctelería teñen en común o produto que usan, a creatividade técnica e unha mesma forma de comprender a hospitalidade. Entender a gastronomía dun lugar tamén é entender a súa cultura, o seu territorio e os seus produtores. E precisamente desa reflexión nace Bocados e Grolos”, resume.

Comparte este artigo