O concello de Nigrán estrea un novo Leira-Parking público no centro urbano para gañar máis de cen prazas de estacionamento

Redacción

Está situado na rúa Torriña, a menos de 150 metros liñais da Casa Consistorial e da PO-552, e conta con máis de 2.000 m² . Este aparcadoiro, alugado a través dun concurso público, súmase ao habilitado no 2023 na rúa Vilameán en terreo municipal

O obxectivo é gañar un novo espazo de estacionamento gratuíto que facilite á veciñanza acudir ao centro de Nigrán a facer recados, de lecer ou de compras”, explica o rexedor, Juan González

A maiores, e ademais da liña de autobús intramunicipal Nigranbus e do bus de praia, o Concello mantén operativo na Ramallosa desde 2022 un parking 100% público e gratuíto cunha media de uso de 600 vehículos diarios

O Concello de Nigrán estreou hoxe un novo leira-parking público e gratuíto en pleno centro urbano. Este está situado na rúa Torriña, a menos de 150 metros liñais da Casa Consistorial e da propia PO-552, e se suma ao habilitado polo Concello no 2023 en terreo municipal da rúa Vilameán, tamén moi preto. A nova parcela, de máis de 2.000 m² e capacidade para máis de cen prazas, foi arrendada polo Concello tras convocarse un concurso público para contrato privado cuns requerimentos imprescindibles onde se estipulaban cuestións como a distancia, o tamaño ou a oferta económica, senda esta opción a única oferta presentada. O contrato será renovable anualmente ata un máximo de 4 anos cun importe de 14.157 €/ano.

“O obxectivo é gañar un novo espazo de estacionamento gratuíto que facilite á veciñanza acudir ao centro de Nigrán a facer recados, de lecer ou de compras. É algo que favorece a vida diaria da xente, beneficia ao comercio e hostalaría e anima a deixar o coche nun punto e e botarse a camiñar”, sinala o alcalde, Juan González, quen sinala que antes de abrilo o Concello realizou obras de acondicionamento da parcela, que se atopaba en desuso e chea de maleza. Ademais, para facilitar o tránsito na rúa Torriña, habilitouse unha porta de entrada (desde a PO-552) e outra de saída (desde a rúa Torriña cara a Reverendo José María Pérez Alonso).

O Concello, en aras da máxima transparencia e legalidade, repetíu para este arrendamento o procedemento que seguíu no ano 2020 para alugar o anterior leira-parking tamén situado na rúa Torriña (funcionou ata 2023, rexeitando a propiedade a prórroga). Así, os pregos novamente esixían que se situase a un radio de 250 metros da Casa do Concello, un mínimo de 2.000 m² de superficie e un prezo máximo de 3,90 €/m2/ano sen IVE.

Con este aparcadoiro, sumado ao leira-parking xa existente na rúa Vilameán, o goberno local outorga ao centro do municipio dunha capacidade de aparcamento tal que nutre incluso as necesidades do verán, cando se multiplica a poboación. A maiores, e ademais da liña de autobús intramunicipal Nigranbus e do bus de praia as fins de semana e festivos desde Porto do Molle, compre recordar que na Ramallosa, o outro gran centro urbano do municipio, o Concello mentén desde 2022 operativo un parking 100% público e gratuíto cunha media de uso de 600 vehículos diarios. 

Comparte este artigo