A alcaldesa de Mos visita o campamento “Mañás de Verán 2026” durante a actividade cos bombeiros

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, achegouse hoxe ao CEIP Mestre Martínez Alonso para visitar aos nenos e nenas que participan no campamento municipal “Mañás de Verán 2026”, coincidindo cunha das actividades máis especiais da programación deste verán: a visita dos bombeiros.

Os nenos e nenas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto o seu traballo, descubrir o equipamento que empregan nas intervencións e subir aos vehículos de emerxencias, nunha actividade que combinou aprendizaxe e diversión e que espertou a curiosidade dos máis pequenos.

Durante o percorrido polo campamento, a rexedora saudou aos rapaces e rapazas e interesouse polas actividades que están a desenvolver nestas semanas. Destacou, ademais, o valor dun programa que cada verán ofrece ás familias un recurso útil para conciliar, ao tempo que proporciona aos menores un espazo no que aprender, convivir e gozar das vacacións.

Nesta edición, un centenar nenos e nenas participan nas distintas quendas organizadas polo Concello de Mos. Para agosto están inscritos 30 menores na primeira quenda e 36 na segunda, aos que se suman 12 participantes na quenda de setembro. O Concello lembra que aínda permanece aberto o prazo de inscrición para as quendas de agosto e setembro, que poderá formalizarse ata cinco días hábiles antes do inicio de cada quenda, sempre que queden prazas dispoñibles.

“Mañás de Verán 2026” complétase co servizo de aula madruga e aula tardía, ámbolos dous subvencionados a través do Plan Corresponsables da Consellería de Política Social e Igualdade, unha medida que permite ampliar os horarios de atención e seguir facilitando a conciliación das familias durante o período estival.

O campamento ofrece unha programación variada que vai moito máis alá do lecer. Ao longo do verán realízanse manualidades, xogos cooperativos, obradoiros de ciencias, actividades de cociña, propostas en inglés, xincanas e saídas pola contorna, con visitas ao Pazo de Mos e ao Parque da Auga da Pesqueira. Tamén se organizan excursións, como a realizada a Cesantes durante a primeira quenda de xullo.

Un dos sinais de identidade de “Mañás de Verán 2026” é a súa programación temática. Cada quenda desenvólvese arredor dunha película diferente, convertendo esa historia no fío condutor de todas as actividades. Deste xeito, as xincanas, as procuras do tesouro, os xogos de auga, os obradoiros de manualidades, as actividades audiovisuais, os bailes, as propostas en inglés, as saídas pola contorna e as excursións están ambientadas na temática escollida, creando unha experiencia inmersiva que fomenta a creatividade, o traballo en equipo e a aprendizaxe a través do xogo.

A programación complétase coa colaboración de entidades como os bombeiros e a Policía Local, que participan con actividades divulgativas e demostracións prácticas, achegando aos nenos e nenas valores como a prevención, a seguridade e o servizo á comunidade.

Comparte este artigo