A alcaldesa de Mos visita ao Grupo Scout 508 San José de Sevilla durante a súa estancia na Aldea Alfacuca

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada pola concelleira Laura Méndez, visitou hoxe ao Grupo Scout 508 San José de Triana (Sevilla), que permanece estes días na Aldea Alfacuca con motivo do seu campamento de verán.

O grupo, integrado por arredor de cen persoas de entre os 6 e os 21 anos, permanecerá no municipio ata o 30 de agosto, nunha estancia na que combina actividades educativas, de lecer e de contacto coa natureza, aproveitando tamén para coñecer o patrimonio, a cultura e as tradicións de Galicia.

Durante a visita, a rexedora deu a benvida aos participantes e interesouse polo programa de actividades previsto para estas dúas semanas.

A alcaldesa destacou que “é unha satisfacción que grupos de diferentes puntos de España elixan Mos para vivir unha experiencia deste tipo, en contacto coa natureza e coa nosa cultura. Agardamos que estes días lles sirvan para descubrir o noso patrimonio, a nosa paisaxe e que leven un gran recordo da súa estancia en Mos”.

Pola súa banda, os responsables do grupo agradeceron a acollida recibida e destacaron a ilusión coa que afrontaban esta experiencia.

Durante a súa estancia, os scouts realizarán diferentes rutas e actividades ambientais, ademais de visitar distintos puntos de interese do municipio e da contorna, fomentando valores como a convivencia, o respecto polo medio natural e o coñecemento do patrimonio cultural.

A Aldea Alfacuca consolídase así como un espazo de referencia para actividades educativas, ambientais e de convivencia. Ademais de acoller campamentos como o do Grupo Scout 508 San José, durante o verán acollerá tamén o Campo de Voluntariado Internacional impulsado pola Xunta de Galicia, unha iniciativa de carácter medioambiental na que mozos e mozas de diferentes comunidades autónomas e doutros países participan en traballos de conservación e posta en valor deste enclave.

Entre as actuacións que desenvolverán figuran a eliminación de especies exóticas invasoras, a reforestación con árbores autóctonas, a creación dunha horta comunitaria ecolóxica e o mantemento de diferentes espazos ambientais, convertendo a Aldea Alfacuca nun punto de encontro para a educación ambiental, o voluntariado e o intercambio cultural.

Comparte este artigo