A programación do Teatro prevista de setembro a decembro inclúe desde drama contemporáneo e clásico ata comedia, producións alternativas e propostas galegas de referencia, que se completarán cunha oferta cultural que inclúe música, danza e audiovisual
O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández destacou hoxe o traballo que realiza o “equipo humano” do Teatro para presentar, unha vez máis, unha programación de “calidade e para todos os públicos” que converten a este centro nunha “institución de referencia cultural en Galicia
O Teatro Principal da Deputación de Ourense presenta a súa programación para o segundo semestre do ano 2026, composta por propostas de gran calidade escénica que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro cunha ampla variedade de estilos escénicos. O programa inclúe desde drama contemporáneo e clásico ata comedia, producións alternativas e propostas galegas de referencia, que se completarán cunha oferta cultural que inclúe música, danza e audiovisual.
A programación foi presentada esta mañá no Teatro polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrial Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a vicerreitora do Campus de Ourense – Universidade de Vigo, Montse Cruz; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
César Fernández destacou a importancia da colaboración entre institucións para garantir un “dereito fundamental da cidadanía” como é o acceso á cultura. Puxo en valor o traballo que realiza o “equipo humano” do Teatro para presentar, unha vez máis, unha programación de “calidade e para todos os públicos” que converten a este centro nunha “institución de referencia cultural en Galicia”.
Neste sentido, o vicepresidente segundo da Deputación reafirmou o compromiso da Deputación de seguir apostando pola cultura “como condición básica para a dignidade da vida humana”.
Pola súa parte, Jacobo Sutil agradeceu o traballo que realiza o Teatro Principal “a prol da difusión cultural” e calificou esta programación como unha oferta “diversa en canto a temática e disciplinas”. Mentres que, a vicerreitora do Campus de Ourense dixo que unha universidade pública “non se pode entender sen o desenvolvemento cultural tanto interno como externo” e que abrir a Universidade a estas actividades de teatro debe ser “un dos nosos principais obxectivos”.
A directora do Teatro foi a encargada de detallar a programación prevista para os meses de setembro a decembro que inclúe unha variada oferta teatral que inclúe citas consolidadas como son o OUFF, o FITO, Voces Femeninas ou Nadal en Familia. Entre as obras teatrais está a estrea da compañía ourensá Sarabela Teatro con “O sangue das promesas: incendios” ou clásicos galegos como “Memorias dun neno labrego”.
Para máis información sobre a programación pódese consultar a páxina web www.teatroprincipalourense.com.

