● Os populares critican a amortización de prazas públicas e a privatización desta prestación para o CPI e o centro de saúde
● A formación liderada por Alberto Acuña considera que se trata dun revés para o goberno local ao haber un recurso contra os pregos
O grupo municipal do PP de Vilaboa acaba de denunciar a existencia de irregularidades no novo contrato do servizo municipal de limpeza e revela que, como consecuencia das mesmas, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TacGal) acaba de proceder á suspensión cautelar deste proceso impulsado polo goberno de César Poza ata que se resolva o recurso presentado contra os pregos de licitación.
En concreto, o citado tribunal acordou a paralización provisional do procedemento de contratación do servizo de limpeza do CPI e do Centro de Saúde do Toural promovido polo Concello de Vilaboa ao apreciar que concorren as circunstancias necesarias para frear a licitación mentres analiza o fondo do recurso presentado.
A resolución supón que o Concello non poderá continuar coa adxudicación do contrato ata que o Tribunal dite unha resolución definitiva sobre a legalidade dos pregos. Aínda que o prazo de presentación de ofertas permanece aberto, a contratación queda suspendida de forma cautelar.
O recurso que deu lugar a esta decisión cuestiona aspectos esenciais do expediente de contratación. En primeiro lugar, sostén que non existe unha insuficiencia real de medios propios, xa que as dúas prazas de limpador cuxa amortización serve de fundamento para xustificar a externalización aínda non foran suprimidas definitivamente cando se licitou o contrato.
Segundo o recurso, a modificación da Relación de Postos de Traballo unicamente contaba con aprobación inicial, polo que as prazas continuaban vixentes e o Concello non podía afirmar que carecía de persoal para prestar o servizo.
Así mesmo, o recurso denuncia unha contradición na actuación municipal. Mentres o goberno local argumenta que estas tarefas non deben prestarse con persoal propio e procede a amortizar prazas públicas, simultaneamente licita un contrato de máis de 118.000 euros para seguir prestando exactamente o mesmo servizo mediante unha empresa privada. A xuízo da recorrente, iso evidencia que o servizo non desaparece, senón que simplemente se substitúe emprego público por xestión externalizada.
Tamén se poñen de manifesto posibles deficiencias na información facilitada sobre a subrogación do persoal, ao considerar que os pregos non conteñen unha desagregación suficiente dos custos laborais, o que podería afectar á igualdade de trato entre as empresas licitadoras e ao principio de transparencia.
Aínda que o TacGal aínda non se pronunciou sobre o fondo do asunto, si considerou procedente adoptar a medida cautelar solicitada para evitar que a licitación continúe mentres analiza a legalidade do procedemento.
Esta resolución, segundo explicou o portavoz municipal, Alberto Acuña, representa un importante revés para o goberno municipal, ao quedar paralizada unha contratación directamente vinculada á amortización de prazas de persoal de limpeza, unha decisión que xa xerara un intenso debate político e sindical.
Ademais, desde o PP de Vilaboa considérase que esta resolución pon de manifesto a importancia de actuar con rigor xurídico e de respectar escrupulosamente a legalidade en calquera proceso de reorganización dos servizos públicos e anuncia que seguirá defendendo unha xestión transparente, con certeza xurídica e que garanta tanto os intereses do Concello como os dereitos dos traballadores e de todos os veciños de Vilaboa.

