O concello de Nigrán celebra este xoves por San Fiz un concerto de música clásica e outro de soul

Redacción

Un trío de cámara composto por soprano, violonchelista e clarinetista tocará ás 20:30 horas na igrexa de San Fiz e o grupo vigués de power soul The Tremenders actuará ás 20:30 horas na Praza do Concello

O Concello de Nigrán continúa este xoves 30 de xullo a programación especial de San Fiz, patrón do municipio, cun dobre concerto. Pou unha banda, o trío de música de cámara composto pola soprano Indra Sesti, a violonchelista Rebeca Núñez e o clarinetista David Piñeiro ofrecerá un concerto ás 20:30 horas na Igrexa do Ceán cun programa musical conformado por obras de Vivaldi, Haendel, Albéniz e Gerónimo Giménez. A continuación, ás 21:30 horas na Praza do Concello, soará a música en directo do grupo vigues ‘The Tremenders’ cun repertorio adicado ao soul máis visceral. Ambos concertos son de balde.

A tradicional noite de festa vivirase nas noites do venres e sábado no torreiro do Ceán con verbena a partir das 21:00 horas a cargo de D´Lider e Ritmo o primeiro día e Orquesta Compostela o segundo. No propio día de San Fiz, como é tradición, a Banda de Música do Val Miñor dará un pequeno concerto na Praza do concello ás 11:00 horas para, a continuación, trasladarse ao Ceán, onde a Coral Novos Aires de Nigrán cantará na Misa Maior e, tras a procesión, a banda de música volverá a ofrecer un concerto mentras os asistentes poden degustar o tradicional polvo (ademais, no torreiro haberá cantina).

Comparte este artigo