Vilaboa aproba investimentos por 950.000 euros a maiores do orzamento de 2026

Redacción

O suplemento de crédito permite reforzar a prevención de incendios, a seguridade viaria, melloras nas casas de cultura de Riomaior e Figueirido

O pleno de Vilaboa aprobou onte unha modificación de crédito por importe de 950.000 euros, financiada integramente con remanente líquido de tesourería, que permitirá afrontar actuacións prioritarias en servizos básicos, infraestruturas e equipamentos culturais. O expediente, que quedou definitivamente validado tras a sesión, reforza partidas insuficientes para acometer investimentos que non poden demorarse, entre elas a prevención de incendios forestais, a conservación de camiños, a mellora da seguridade viaria e a reparación das casas de cultura.

A partida máis destacada corresponde á prevención de incendios, cun investimento superior aos 137.000 euros para a adquisición dun vehículo multifunción, unha motobomba, utillaxe específica e material de protección, co obxectivo de incrementar a capacidade de resposta municipal ante emerxencias e garantir a seguridade da veciñanza e do medio natural.

Tamén se inclúe a renovación da instalación semafórica en varios cruzamentos con pasos de peóns, por 52.363,80 euros, e a colocación de marquesiñas nas paradas de transporte público, cunha achega de 20.000 euros destinada a mellorar a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias.

No capítulo de infraestruturas, o suplemento permitirá executar reparacións no camiño de Paradellas e actuacións no marco do Plan Marco 2026-2027, como a mellora do camiño rural de Casfalcón, que suman máis de 200.000 euros en novas inversións de reposición. A Carretera Vella de Paredes recibirá un incremento para afrontar o modificado do proxecto derivado do soterramento das redes aéreas, ademais da partida correspondente á dirección de obra.

En materia cultural, destínanse 100.000 euros á reparación das casas de cultura de Figueirido e Riomaior e 15.000 euros á redacción do proxecto da futura casa de cultura de Bértola. O desenvolvemento local tamén se ve reforzado coa achega municipal de 9.134 euros ao proxecto “Roteiro Tradicional Pesqueiro Punta do Aradoiro”, subvencionado pola Consellería do Mar e o GALP Ría de Vigo-A Guarda. O expediente complétase con diversas actuacións culturais, reparacións de saneamento, asistencias técnicas e suministros necesarios para garantir o funcionamento diario dos servizos públicos.

Exención dun Plan Financieiro

Xunto a esta modificación de crédito, o pleno tomou coñecemento da exención da obriga de elaborar e manter un Plan Económico-Financeiro (PEF) para os exercicios 2026-2027, ao abeiro do Real Decreto-Lei 13/2026, de 2 de xuño. A liquidación do orzamento de 2025 reflectía un incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, o que activaba automaticamente a elaboración dun PEF. Porén, o novo marco normativo establece unha excepción para aquelas entidades locais cuxo incumprimento derive do uso do remanente de tesourería ou do exceso de financiamento afectado, como ocorre en Vilaboa. Isto supón que o Concello queda liberado das medidas cercitivas previstas na Lei Orgánica 2/2012, eliminando restricións adicionais e permitindo unha xestión económica máis flexible sen renunciar ao rigor.

Desde o goberno local subliñan que estes acordos “permiten deixar atrás un escenario de restricións inxustas para un Concello sen débedas, que paga rápido e que ten aforros para gastar e, ao mesmo tempo, activar investimentos moi necesarios para o día a día da veciñanza, especialmente en materia de prevención de incendios, mantemento das infraestruturas e mellora dos equipamentos culturais”.

Comparte este artigo