O Goberno municipal aproba o contrato que permitirá executar as obras de saneamento en todas as parroquias

Redacción

O Pleno aprobou hoxe a proposta de FCC como empresa adxudicataria do contrato do ciclo integral da auga que permitirá un investimento histórico de 32,5 millóns de euros

O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou hoxe a proposta formulada pola Mesa de Contratación para continuar coa tramitación do novo contrato de concesión do servizo do ciclo integral da auga, un proxecto estratéxico que permitirá executar o maior investimento en infraestruturas hidráulicas da historia do municipio.

O acordo inclúe a aceptación da clasificación das ofertas presentadas e a proposta de FCC Aqualia, S.A. como empresa adxudicataria, ao ser a licitadora que obtivo a maior puntuación, con 94,9 puntos. A compañía dispón agora do prazo legal para presentar toda a documentación requirida. Unha vez comprobado polos servizos municipais que cumpre todos os requisitos establecidos na Lei de Contratos do Sector Público e nos pregos da licitación, o Pleno procederá á adxudicación definitiva do contrato.

Deste xeito, iniciase o último trámite antes da adxudicación definitiva dun contrato que suporá un antes e un despois para Ponteareas e que mobilizará 32,5 millóns de euros en novas obras de abastecemento e saneamento, o maior investimento hidráulico realizado nunca no municipio. Estas actuacións permitirán ampliar as redes existentes, renovar infraestruturas obsoletas, modernizar o sistema hidráulico municipal e mellorar a eficiencia do servizo mediante novas tecnoloxías de control, telexestión e detección de fugas.

O principal obxectivo deste investimento é dotar por primeira vez a Ponteareas dunha rede integral de saneamento que chegue a todas as parroquias, garantindo que no prazo de dous anos todos os núcleos de poboación dispoñan deste servizo básico. Trátase dunha actuación histórica que permitirá saldar unha débeda pendente durante décadas coa veciñanza, especialmente no rural.

A concelleira Raquel Bautista destacou que “hoxe damos un paso decisivo” para facer realidade un dos proxectos máis importantes para o futuro do noso municipio”. Bautista engadiu que con este contrato “cumprimos un obxectivo histórico”, como é dotar a Ponteareas dunha rede integral de saneamento que chegue a todas as parroquias. Pola súa banda, a alcadesa, Nava Castro, destacou que o obxectivo do concello é que ningún veciño ou veciña “quede sen este servizo básico polo feito de vivir no rural.”

A alcaldesa concluíu afirmando que éste é un proxecto que, ante todo “resolve unha débeda histórica co rural”, ao tempo que protexe o medio ambiente, moderniza o ciclo integral da auga e garante un servizo público máis eficiente para as próximas décadas. “Estamos construíndo o Ponteareas do futuro con investimentos que mellorarán a calidade de vida de toda a veciñanza”, apuntillou a alcaldesa, quen recordou que tanto PSOE, como BNG e Ponteareas en Común votaron en contra dun expediente “vital para o desenvolvemento integral  do saneamento en todas as parroquias de Ponteareas”.

Servizo Municipal

O Concello lembra que o servizo continuará sendo de titularidade pública e municipal, mantendo en todo momento as competencias de planificación, control, inspección e supervisión da concesión. O novo contrato permitirá garantir un servizo moderno, eficiente e sostible, ao tempo que fai posible acometer uns investimentos que resultarían inasumibles unicamente con recursos municipais.

Co acordo adoptado hoxe polo Pleno, o expediente entra na súa fase final. Unha vez presentada e validada toda a documentación por parte de FCC Aqualia, elevarase ao Pleno a proposta de adxudicación definitiva do contrato, culminando así un procedemento que permitirá transformar de maneira definitiva as infraestruturas hidráulicas de Ponteareas e facer realidade o saneamento integral en todo o municipio.

Comparte este artigo