Máis de 375 nadadores daranse cita este sábado na praia da Freixa coa disputa da “X Travesía a Nado Vila do Tea”

Redacción

A proba é puntuable para a Copa de España de Augas Abertas, ou Circuito Galego e ou Luso-Galaico.

A praia fluvial da Freixa, en Ponteareas, converterase este próximo sábado 8 de agosto no gran escenario das augas abertas coa celebración da “X Travesía a Nado Vila do Tea”, organizada polo Club Natación Ponteareras e contando coa colaboración do concello de Pontearas. Tras a súa posta de longo oficial hai uns días, a organización ultima os preparativos para acoller unha cita que xa é un referente nacional e que contará con máis de 375 particpantes chegados de toda España e de Portugal, con mención especial as probas inclusivas.

A competición conta co máximo atractivo deportivo ao estar integrada no calendario de grandes citas: é a 14ª etapa da Copa de España de Augas Abertas da RFEN, a 5ª etapa do XXII Circuíto Galego Arzúa-Ulloa da FEGAN e a 2ª etapa do Circuito Luso-Galaico. Este triplo aliciente garante a presenza de nadadores de primeiro nivel de todo o territorio nacional e de Portugal.

O concelleiro de Deportes, Nico Rodríguez, destcou o feito de que estamos ante un evento deportivo de máximo nivel técnico. “Que esta travesía sexa puntuable para a Copa de España, o Circuíto Galego e o Circuíto Luso-Galaico demostra o prestixio e o gran traballo de organización do Club Natación Ponteareas” afirmou Rodríguez, quen aproveitou para invitar a toda a veciñanza “a achegarse á Freixa a gozar dun espectáculo único desde primeira hora da mañá.”

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, destacou que “A praia fluvial da Freixa volverá lucir este sábado as súas mellores galas para converterse no epicentro nacional das augas abertas coa X Travesía a nado Vila do Tea”. Castro manifestou o seu orgullo absoluto por acoller unha cita “plenamente consolidada que non só pon en valor a beleza natural do noso río Tea, senón que tamén atrae a centos de deportistas do resto de España e de Portugal, dinamizando o noso turismo e a nosa economía local”. “É un exemplo perfecto de como o deporte e a natureza conviven en harmonía no noso municipio”, apuntillou Nava.

Programa

A actividade no río Tea comezará á primeira hora da mañá cun programa deseñado para dar cabida tanto a deportistas de elite como a afeccionados de todas as idades, arrancando ás 10.00 horas co saída Máster e Popular sobre unha distancia de 3.600 metros, seguida ás 11.45 horas pola categoría Elite, nese mesmo percorrido de tres voltas ao circuíto. Posteriormente, ás 12.45 horas disputaranse as remudas mixtas de 4×300 metros, dando paso á primeira entrega de trofeos ás 13.30 horas,

A partir das 14.00 horas chegarán as probas de 1.200 metros para categorías Infantil, Alevín, Inclusiva e Populares por idade. As 15.00 horas será  o turno para  prebenxamín de 100 metros, pechando o evento, as 15.15 horas, a proba de remudas mixtas Elite. Un ano máis, o Club Natación Ponteareas reforza a súa aposta polo deporte adaptado coa organización das categorías inclusivas, destinadas a nadadores con discapacidade física, psíquica ou sensorial, para quen se dispoña asistencia técnica no acceso á auga.

Promoción dos productos galegos

Nesta ocasión o sabor máis auténtico de Galicia súmase ao deporte de alto nivel na praia da Freixa, xa que o evento contará cun food truck especializado en Porco Celta. Esta iniciativa gastronómica na contorna do río Tea conta co patrocinio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). A través deste apoio, a Consellería do Medio Rural reafirma a súa estratexia de promocionar as razas autóctonas e os produtos galegos de calidade diferenciada en eventos multitudinarios e dinámicos.

Comparte este artigo