O Concello de Oia lembra que o 12 de agosto remata o prazo para alegar contra o proxecto de central hidroeléctrica

Redacción

O Concello de Oia lembra que mañá 12 de agosto remata o prazo de presentación de alegacións contra o proxecto de central hidroeléctrica de bombeo con auga de mar promovido pola empresa Hidroeléctrica Fonte das Mañas (Beltaine Renewable Energy – antiga Jealsa Enerxía). As persoas interesadas aínda poden asinar o modelo de alegacións accesible na web municipal, no apartado “Central hidroeléctrica”.

O proxecto, actualmente en fase de solicitude de concesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre ante a Xunta de Galicia, contempla a construción dunha central de 49,77 MW, cunha balsa de almacenamento de 15,3 hectáreas situada no monte veciñal en man común da parroquia de Loureza (zona de O Barazal), unha captación no Porto de Fonte das Mañas e unha tubaxe de conexión de aproximadamente 2.000 metros.

O Concello de Oia manifestou o seu rexeitamento a este proxecto e encargou unha asistencia técnica á empresa TYSGAL para formular as correspondentes alegacións en contra, ao considerar que se trata dun proxecto prexudicial para a paisaxe, os mananciais e augas subterráneas, os montes en man común, as zonas de humidal e turbeira, zonas de campeo dos garranos e tamén para os organismos e comunidades mariñas,  entre outros aspectos.

Tamén alega contra o feito de que, xunto a este proxecto de Fonte das Mañas, a mesma promotora ten proxectadas outras dúas centrais semellantes en lugares próximos (Portecelo -O Rosal- e Punta Centinela -Mougás-) e, pese a que comparten infraestruturas comúns, preséntaos a tramitación como 3 proxectos independentes. Ao tramitarse de xeito fragmentado e non como unha única actuación, a avaliación de impacto ambiental estudaría cada proxecto por separado, evitando ter en conta o conxunto global de afeccións.

Comparte este artigo