Quintá de Cancelada celebra esta fin de semana a Festa da Gaita co impulso da Deputación

Redacción

– A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou na Praza de San Marcos a cita, que conta cunha achega da institución provincial de 6.000€,  e que reunirá do 15 e 16 de agosto música tradicional, foliada e gastronomía nesta parroquia de Becerreá 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou na Praza de San Marcos este martes a XIX Festa da Gaita de Quintá de Cancelada, no concello de Becerreá. A cita organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes celebrarase o 15 e o 16 de agosto nesta parroquia e conta cunha colaboración da institución provincial de 6.000€. No acto de presentación a Deputada Provincial estivo acompañada por membros da asociación e os grupos de música tradicional Biouteiro e Amigos dos Ancares.

García Porto puxo en valor unha celebración que “chega xa á súa décimo novena edición” e que durante case dúas décadas converteu Quintá de Cancelada nun punto de encontro para os amantes da música e das tradicións galegas. A Deputada destacou o traballo da Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes e do seu presidente, Chema, por manter viva unha iniciativa “tan arraigada á nosa cultura”, que contribúe ao relevo xeracional do folclore e fai soar “no rural as nosas raíces”.

Esta edición ten ademais un motivo especial de celebración coa homenaxe que a Festa da Gaita renderá a José Antonio Gegúndez, unha persoa cunha brillante traxectoria profesional como oftalmólogo que, aínda que desenvolveu a súa carreira en Madrid, mantivo sempre unha gran paixón pola música tradicional galega e, especialmente, pola interpretación da gaita. García Porto destacou que “recoñecer a José Antonio Gegúndez é tamén recoñecer a todas esas persoas que, desde diferentes ámbitos e lugares, contribúen a manter viva a nosa música e as nosas tradicións”.

Así mesmo, a Deputada reafirmou o compromiso da institución provincial con esta celebración “porque entendemos que a cultura tamén é unha forma de facer territorio”, e destacou a capacidade da Festa da Gaita para reunir persoas, atraer visitantes e dar visibilidade a Quintá de Cancelada, poñendo en valor a súa gastronomía, os seus produtos e todo o que ofrece a montaña lucense.

Neste sentido, puxo tamén o foco na importancia de apoiar iniciativas que nacen no rural e que contribúen á súa dinamización social e económica. “O rural ten presente e ten futuro cando hai persoas que se implican, que crean e que deciden seguir mostrando todo o que ofrece, que é moito”, afirmou.

A programación comezará o sábado 15 de agosto coa celebración do XIX Festival de Música e Cantigas Tradicionais. Ás 13.00 horas terá lugar a recepción dos participantes e ás 14.00 horas celebrarase o xantar popular. Ás 15.00 horas comezarán as actuacións e, ás 16.00 horas, terá lugar a homenaxe ao gaiteiro José Antonio Gegúndez. A partir das 16.30 horas celebrarase unha foliada e o concurso de cantigas e, ás 17.00 horas, dará comezo a verbena.

O domingo 16 de agosto terá lugar a Festa da Gaita. A xornada arrancará ás 13.00 horas coa recepción dos participantes e ás 14.00 horas terá lugar o xantar e unha degustación de Xata Galega Suprema. Pola tarde, ás 17.00 horas, sucederanse as actuacións dos músicos e agrupacións asistentes e, ás 22.00 horas, a programación pecharase cunha verbena e un concurso de baile.

Comparte este artigo