Ante as declaracións realizadas polo Partido Popular sobre o convenio para á residencia de Folgoso do Courel, a Deputación de Lugo quere aclarar

Redacción

Ante as declaracións realizadas polo Partido Popular sobre o convenio para á residencia de Folgoso do Courel, a Deputación de Lugo quere aclarar que:

  • A reversión da parcela é un trámite administrativo. O Concello de Folgoso do Courel cedeu unha parcela á Deputación no ano 2019 para construír un Centro de Atención ás persoas maiores. A cesión establecía un prazo de cinco anos e ese prazo xa rematou. O proxecto non puido culminarse dentro dese período e, polo tanto, corresponde aplicar as condicións previstas na propia escritura.
  • A Deputación tiña un proxecto e non puido executalo dentro do prazo establecido. O que facemos agora é cumprir co procedemento administrativo que corresponde.
  • Pero tampouco queremos que este expediente concreto se utilice para cuestionar o compromiso da Deputación coas persoas maiores. Os feitos falan por si sós: a Deputación conta actualmente con nove Centros de Atención a Maiores en funcionamento, preto de 400 persoas residentes e arredor de 300 traballadores.
  • É dicir, a Deputación non se limita a falar de residencias: constrúe, pon en funcionamento e xestiona. E faino especialmente no medio rural, onde estes servizos son fundamentais para que as persoas maiores poidan seguir vivindo preto das súas familias, das súas raíces e da súa contorna.
  • Hai que lembrar tamén unha cuestión fundamental: a atención residencial ás persoas maiores non é unha competencia propia das deputacións. É unha competencia da Xunta de Galicia. A pesar diso, a Deputación de Lugo decidiu hai anos asumir un papel activo e crear unha rede pública propia para dar resposta a unha necesidade que existe na provincia.
  • E no caso de Folgoso do Courel hai, ademais, unha cuestión que consideramos importante lembrar: a propia Xunta de Galicia comprometeuse coa construción dunha residencia neste municipio.
  • Polo tanto, a Deputación considera que, unha vez pechado este procedemento administrativo, a Xunta debe cumprir co compromiso adquirido con Folgoso do Courel e coas súas responsabilidades como administración competente.
  • A Deputación está disposta, ademais, a poñer á disposición da Xunta de Galicia o proxecto e o traballo realizado ata o momento, se a administración autonómica decide cumprir co compromiso adquirido e impulsar a construción da residencia de Folgoso do Courel. A Deputación non será un obstáculo; ao contrario, facilitará todo o que estea ao seu alcance para que a residencia poida facerse realidade.
  • Se o Partido Popular pretende utilizar este expediente para cuestionar a Deputación, a resposta é moi sinxela: a Deputación recoñece que o proxecto non puido culminarse dentro do prazo da cesión, pero a necesidade de contar cunha residencia en Folgoso do Courel segue existindo e o compromiso da Xunta tamén segue vixente.
  • A Deputación non lle pide á Xunta que faga algo que non lle corresponda. Pídelle que cumpra coa súa propia competencia e cun compromiso que adquiriu cos veciños e veciñas de Folgoso do Courel.
  • A Deputación non vai entrar nunha guerra política por este asunto. Pero tampouco vai permitir que se utilice un expediente administrativo concreto para ocultar o debate de fondo: quen ten a competencia en materia de residencias e quen debe garantir que a provincia conte con suficientes prazas públicas para atender as persoas maiores.
Comparte este artigo