O Camiño do Amor, a ópera rock que combina música, teatro e cine chega este domingo á Guarda

Redacción
  • O espectáculo, protagonizado polo rock e por unha historia de amor, poderá desfrutarse este 23 de agosto ás 21:00 horas na Alameda da Guarda

A Guarda prepárase para vivir este domingo, 23 de agosto, ás 21:00 horas na Alameda, unha proposta musical diferente coa chegada de O Camiño do Amor – Ópera Rock, un espectáculo que combina música, teatro e cine arredor dunha historia de amor na que o rock se converte no gran protagonista.

O Camiño do Amor constrúe a súa historia a través de grandes cancións que forman parte do imaxinario colectivo de varias xeracións. Temas como Still Loving You, de Scorpions; Hotel California, de Eagles; Your Song, de Elton John; Is This Love, de Whitesnake; Angie, dos Rolling Stones; Dream On, de Aerosmith; Stairway to Heaven, de Led Zeppelin, ou I Will Always Love You, de Whitney Houston, forman parte do fío condutor dunha historia na que o amor, as relacións e a superación son os grandes protagonistas.

Unha das particularidades deste espectáculo é que as propias cancións conducen o guión audiovisual. O significado das letras cobra protagonismo mediante unha historia acompañada de imaxes e subtítulos en galego, permitindo ao público descubrir ou redescubrir o significado de cancións que, dunha maneira ou doutra, forman parte das nosas vidas.

A proposta tamén incorpora unha mensaxe de defensa do amor e de rexeitamento das drogas, facendo referencia á época na que moitos destes grandes temas alcanzaron popularidade. Todo baixo unha idea central: o amor vence.

Musicalmente, o espectáculo conta coa participación de Claxxoon, un dos grupos habituais das festas galegas, acompañado pola voz feminina de Rosa do Mar e o saxofonista Miguel Ponce. A dirección musical corre a cargo de Diego Grande, mentres que Carlos Alleres participa como produtor e director do musical e Manu Méndez asume a produción executiva.

A parte audiovisual conta tamén coa participación de coñecidos intérpretes galegos como Tacho González, Víctor Fábregas, María Costas e José Churruca, xunto aos protagonistas Lou7go, María G. Caamaño e Nando Llon, e máis de medio cento de extras.

O resultado é un espectáculo que pretende achegar ao público unha experiencia na que música, teatro e cine se unen para contar unha historia de amor ao ritmo dalgúns dos grandes clásicos do rock.

O tema central, Still Loving You, resume o punto de partida da historia: unha parella recoñece que a súa relación rematou, pero ambos se preguntan se aínda é posible comezar de novo. Será posible? A resposta poderá descubrirse este domingo na Alameda da Guarda.

Comparte este artigo