O colectivo Disiden.cia ofrece mañá unha mostra aberta do seu traballo como resultado da súa residencia artística en Artistea

Redacción

O evento terá lugar ás 19:00 horas e a asistencia será gratuita ata completar o aforo

Artistea acollerá mañá, ás 19:00 horas, unha mostra aberta ao público do colectivo Disiden.cia. Será a proposta final dunha residencia artística do tándem navarro-galego formado polas bailarinas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, que comezaba a princios deste mes no espazo municipal de artes e pensamiento e que leva por título “Botar de menos o futuro”.

A agrupación desenvolveu a sétima residencia do programa Residencias Paraíso 2026, un circuíto anual de danza e artes vivas pioneiro no territorio que está promovido polo Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e contando co apoio do concello de Ponteareas. Unha implicación, a do Concello, que vai máis aló da cesión do espazo, actuando como entidade cofinanciadora dun programa que na súa décima edición bateu marcas históricas con 209 proxectos candidatos

A proposta de Disiden.Cia cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos      cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos. Disiden.Cia traballa a cabalo entre a práctica escénica e a mediación de públicos, incorporando e aplicando diferentes proxectos para distintos grupos de idades. O seu proxecto actual parte dunha sensación compartida de desorientación, incerteza, esgotamento e de non pertenza, situando a outredade e o “alien” no centro da súa procura. Desde a necesidade de deter a produción constante, o proxecto quere profundar nunha práctica artística propia e unha linguaxe escénica como compañía.

Comparte este artigo