A Deputación reafirma o seu compromiso coa recuperación dos núcleos de Viana do Bolo afectados polas riadas

Redacción
Reunión Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación Ourense) con Félix Porto Serantes (Vicesecretario Xeral de Unións Agrarias), María Páez Pérez (Unións Agrarias de Viana do Bolo), Elena Prada Yáñez (Presidenta da Asociación de Veciños de Solveira), José Diéguez Alonso (Presidente da Mancomunidade de Montes Serra de Bares), Fernando Araujo García (Presidente Asociación de Veciños de Pradocabalo) e Ceferino Rodríguez García.

Luis Menor mantivo unha reunión con representantes de Unións Agrarias e colectivos veciñais para analizar as necesidades das zonas damnificadas

O presidente provincial confirmou a reparación urxente e posta en servizo do vial provincial afectado e ofreceu a colaboración da institución para outras actuacións de competencia municipal

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión con representantes de Unións Agrarias e de asociacións veciñais de Viana do Bolo para analizar a evolución dos traballos de recuperación nos núcleos afectados polas riadas e coñecer directamente as principais demandas dos seus habitantes.

Durante o encontro, os representantes trasladaron ao presidente provincial a súa preocupación polos danos que aínda permanecen e solicitaron que se acometa coa maior urxencia posible a reparación e posta en servizo do vial provincial afectado.

Luis Menor confirmou que a Deputación asumirá as actuacións que lle corresponden no ámbito das súas competencias, especialmente a reparación das estradas de titularidade provincial danadas polas riadas.

O presidente lembrou ademais que a institución provincial actuou desde o primeiro momento, tanto na súa propia rede viaria como na limpeza dos núcleos afectados. Neste sentido, destacou especialmente os traballos realizados pola Deputación na retirada de lodos, pedras, restos vexetais e demais materiais acumulados en localidades como A Bouza e Pixeiros.

Menor agradeceu aos representantes de Unións Agrarias e dos veciños que trasladasen directamente as súas demandas e reafirmou a disposición da Deputación para continuar cooperando co Concello de Viana do Bolo en novas actuacións de carácter municipal que resulten necesarias para avanzar na recuperación das zonas damnificadas.

“Coñecemos e compartimos a preocupación dos veciños. A Deputación asumirá as súas competencias e seguirá colaborando co Concello e co resto das administracións sempre que poida contribuír a acelerar a recuperación e a devolver a normalidade aos núcleos afectados”, afirmou Luis Menor.

O presidente provincial incidiu finalmente na necesidade de manter a coordinación institucional para dar unha resposta eficaz ás consecuencias das riadas, delimitando as responsabilidades de cada administración pero favorecendo a colaboración naquelas actuacións que excedan as competencias propias da Deputación.

Comparte este artigo