Ourense convértese en anfitrioa europea para a formación de responsables públicos de Ucraína

Redacción

A Deputación de Ourense foi seleccionada polo programa europeo TIPS4UA para acoller unha delegación da rexión de Zakarpattia, nunha estadía que será xestionada e executada polo Inorde do 21 de setembro ao 02 de outubro

A provincia de Ourense dará un novo paso na súa proxección europea ao converterse, a finais deste mes, en territorio anfitrión do programa TIPS4UA (Training and Internship Programme Support for Ukrainian Municipalities), unha iniciativa europea destinada a reforzar as capacidades das administracións públicas de Ucraína e facilitar o intercambio de coñecemento con institucións da Unión Europea.

A Deputación de Ourense foi seleccionada como entidade anfitrioa deste programa e será o Inorde o organismo encargado da súa xestión e execución. Entre o 21 de setembro e o 2 de outubro, a provincia recibirá unha delegación de oito representantes institucionais da rexión de Zakarpattia, no oeste de Ucraína, integrada por responsables rexionais e representantes municipais de Dovhe, Kolochava e Yasinya.

Durante estas dúas semanas, os representantes ucraínos coñecerán de primeira man experiencias desenvolvidas en Ourense e Galicia relacionadas con algunhas das súas principais necesidades: xestión de proxectos europeos, captación de fondos, modernización da administración pública, desenvolvemento de infraestruturas, resiliencia enerxética, protección ambiental, turismo sostible e desenvolvemento territorial.

O programa permitirá mostrar o modelo de cooperación entre diferentes niveis da Administración e achegar experiencias prácticas sobre como transformar os fondos europeos en proxectos concretos capaces de xerar actividade económica, mellorar os servizos públicos e reforzar a cohesión territorial.

Ourense como territorio de aprendizaxe

A estadía inclúe unha intensa axenda de visitas e encontros institucionais por diferentes puntos da provincia e de Galicia.

A delegación será recibida na Deputación de Ourense e manterá encontros con responsables institucionais. Tamén coñecerá experiencias de cooperación transfronteiriza no ámbito do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, así como iniciativas de recuperación do patrimonio rural e cooperación con Portugal.

En Santiago de Compostela, a delegación visitará a Fundación Galicia Europa para coñecer a experiencia galega na xestión dos fondos estruturais europeos e manterá un encontro no Parlamento de Galicia.

O programa continuará con experiencias vinculadas ao turismo termal e de saúde en Termatalia e Expourense, visitas ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e ao tecido empresarial ourensán, así como iniciativas de transformación de pequenas producións e economía local.

Na segunda semana, unha parte da delegación especializada en cuestións ambientais, económicas e turísticas coñecerá o Campus Auga da Universidade de Vigo, proxectos de dixitalización da xestión da auga, experiencias de desenvolvemento territorial na Ribeira Sacra, comunidades enerxéticas, iniciativas vinculadas á agricultura sostible, o laboratorio de solos do INORDE e diferentes proxectos de turismo sostible e valorización do territorio.

Unha relación que mira ao futuro

A participación de Ourense no TIPS4UA non se limita a compartir experiencias durante dúas semanas. O obxectivo é crear relacións institucionais estables e abrir novas vías de cooperación entre territorios europeos e ucraínos.

A reconstrución de Ucraína e o seu proceso de achegamento á Unión Europea van requirir nos próximos anos unha enorme capacidade das súas administracións locais e rexionais para deseñar proxectos, captar financiamento internacional, xestionar investimentos e modernizar os seus territorios.

Comparte este artigo