A XV Festa d@s Moz@s de Campo Lameiro logra un rotundo éxito de público e enche por completo a Praza do Concello

Redacción

A actuación de 9Louro protagonizou os momentos de maior afluencia dunha xornada que tamén contou con Ailá e o espectáculo “Cancioneiro Galego. As músicas da nosa vida”.

A XV Festa d@s Moz@s de O Campo Lameiro converteuse nun rotundo éxito de público, cunha Praza do Concello abarrotada para gozar dunha intensa tarde e noite dedicadas á música e á cultura galegas.

A elevada participación mantívose durante toda a programación e acadou os seus momentos de maior afluencia coa actuación de 9Louro, que congregou unha multitude diante do escenario e puxo o broche final a unha edición marcada polo ambiente festivo e pola excelente resposta do público.

A xornada comezou coa actuación de Ailá, formación que achegou unha proposta na que a música tradicional galega se combina cunha posta en escena contemporánea. A súa intervención abriu unha tarde pensada para públicos de todas as idades e confirmou o interese por unha celebración que alcanza xa a súa décimo quinta edición.

Posteriormente tivo lugar o espectáculo “Cancioneiro Galego. As músicas da nosa vida”, no que participaron Fátima Pego, Manolete de Felisa e Lupe Blanco, xunto coa Banda Unión Cultural de Campo Lameiro, o Grupo Tradicional Foula de Cerdedo Cotobade e a Coral Polifónica de O Campo Lameiro.

Esta proposta permitiu reunir sobre o mesmo escenario diferentes voces, músicos e agrupacións arredor das cancións e melodías que forman parte da memoria colectiva de varias xeracións. A presenza das formacións locais tivo un significado especial e serviu para recoñecer o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano para manter viva a tradición musical galega.

A actuación de 9Louro pechou a programación ante unha praza completamente chea e entregada. Conectou especialmente co público máis novo e protagonizou unha das imaxes máis destacadas desta edición, cunha grande participación e un ambiente que se mantivo ata o remate da festa.

O alcalde, Carlos Costa, amosou a súa satisfacción polo resultado e agradeceu a resposta da veciñanza. “Ver a Praza do Concello abarrotada confirma que a Festa d@s Moz@s está plenamente consolidada e que a aposta do Concello por unha programación baseada na música, na identidade e na convivencia conta co respaldo do público”, salientou.

Costa destacou tamén que “O Campo Lameiro volveu demostrar que sabe participar e desfrutar das actividades organizadas no municipio, convertendo esta celebración nun punto de encontro entre distintas xeracións e nun escaparate para os artistas e as agrupacións que manteñen viva a nosa cultura”.

O alcalde agradeceu, finalmente, o traballo de todas as persoas, grupos e entidades implicadas na organización, así como a participación do público que encheu a praza e contribuíu a facer da XV Festa d@s Moz@s unha das edicións máis concorridas da súa historia recente desde que foi recuperada para a veciñanza polo actual equipo de goberno municipal.

Comparte este artigo