O BNG levará a todos os concellos do Salnés e á Mancomunidade a esixencia de retirar a represa do río Umia en Cabanelas

Redacción

O BNG presentará nos concellos da comarca do Salnés e na Mancomunidade unha moción para reclamar á Xunta de Galiza a retirada inmediata da represa construída no río Umia, á altura de Cabanelas, por considerar que supón unha nova e grave agresión ambiental.

A estrutura, construída con terra e pedras, ocupa todo o ancho do río e máis de 20 metros de lonxitude, alterando o curso das augas e dificultando o movemento e a reprodución das especies piscícolas. O BNG alerta tamén do posible risco de inundacións río arriba.

A formación nacionalista lembra que esta actuación está vinculada á captación de auga para a illa da Toxa e denuncia que a Xunta volve primar os intereses privados fronte á protección do río Umia, fundamental para o abastecemento de boa parte da poboación do Salnés.

O BNG reclama á Xunta eliminar a represa, cumprir o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2016 para buscar alternativas ao abastecemento da Toxa e presentar un informe sobre as actuacións realizadas para protexer o ecosistema do Umia.

Comparte este artigo