A V Andaina de Campo Lameiro esgota as 800 prazas antes de rematar o prazo de inscrición

Redacción

Esta proba deportiva solidaria, organizada polo Concello e o Campo Lameiro C. D. e que terá lugar o 20 de setembro, confirma a súa capacidade para atraer participantes de toda Galicia.

A quinta edición da Andaina de O Campo Lameiro vén de completar as 800 prazas dispoñibles antes de que rematase o prazo habilitado pola organización, que inicialmente permanecía aberto ata o 6 de setembro. A elevada demanda obriga así a pechar anticipadamente as inscricións para unha cita que se celebrará o domingo 20 de setembro e que volve demostrar a súa capacidade de convocatoria entre a veciñanza e as persoas afeccionadas ao sendeirismo procedentes de distintos puntos de Galicia.

A actividade, organizada conxuntamente polo Concello de O Campo Lameiro e o Campo Lameiro C. D., acada deste xeito o límite máximo de participación previsto para garantir o correcto desenvolvemento da proba e a seguridade e atención das persoas inscritas ao longo dos diferentes percorridos.

O alcalde, Carlos Costa, expresou a súa satisfacción pola resposta obtida e agradeceu a confianza depositada novamente nesta iniciativa. “Cubrir as 800 prazas antes de finalizar o prazo de inscrición é unha magnífica noticia e confirma que a Andaina de O Campo Lameiro está plenamente consolidada no calendario deportivo, social e solidario de Galicia”, destacou.

Costa considera que o éxito da convocatoria “é o resultado dun importante traballo organizativo e da capacidade de O Campo Lameiro para ofrecer actividades que permiten descubrir o noso territorio, promover hábitos de vida saudables e, ao mesmo tempo, colaborar cunha causa que merece todo o noso apoio”.

A proba deportiva, de carácter non competitivo, ofrecerá tres percorridos de 8, 15 e 24 quilómetros, deseñados para facilitar a participación de persoas con diferentes condicións físicas e niveis de experiencia. Esta variedade permitirá que cada participante poida escoller a alternativa que mellor se adapte ás súas posibilidades e gozar dunha xornada de deporte e convivencia en contacto coa contorna natural do municipio.

A quinta edición manterá ademais o seu marcado carácter solidario. Dos 13 euros aboados por cada participante, cinco destinaranse á Fundación Andrea, entidade que presta apoio ás familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

“Detrás destas cifras hai 800 persoas dispostas a compartir unha xornada deportiva e a colaborar cunha causa solidaria. Esa resposta fala moi ben dos valores desta andaina e da sensibilidade das persoas participantes”, manifestou o alcalde.

Todas as persoas inscritas recibirán unha camiseta conmemorativa da actividade. Ao remate dos percorridos, a organización ofrecerá pinchos e celebrará un sorteo de agasallos achegados polas empresas e establecementos colaboradores, completando así unha xornada concibida para favorecer o encontro e a convivencia.

AGRADECEMENTO DO ALCALDE AO COMITÉ ORGANIZADOR

Carlos Costa trasladou tamén o agradecemento do Concello ao Campo Lameiro C. D., ao comité organizador, integrado por Fernando Caldas, Delia Carramal, Mónica Arza, Marisú Carramal, Jesús García e Cándido Carramal, e a todas as persoas que colaboran nos preparativos e no desenvolvemento da actividade.

O alcalde fixo extensivo este recoñecemento á Xunta de Galicia, Deporte Galego e á Deputación de Pontevedra, así como ás numerosas empresas, establecementos e profesionais que apoian a iniciativa mediante a achega de produtos, servizos e agasallos.

“Este éxito pertence ao conxunto das persoas e entidades que traballan para que todo estea preparado o 20 de setembro. O seu esforzo fai posible que O Campo Lameiro volva converterse nun lugar de encontro para centos de afeccionados ao sendeirismo”, concluíu Carlos Costa.

Comparte este artigo