A institución provincial financia este programa desenvolvido por Executivas de Galicia, que ofrecerá formación, acompañamento e ferramentas para a mellora profesional das participantes
A iniciativa, de carácter gratuíto, desenvolverase durante os meses de outubro e novembro e busca poñer en valor a experiencia e o talento senior fronte ao edadismo laboral
O período de inscrición xa está aberto. As mulleres interesadas en participar ou obter máis información sobre o programa poden contactar a través do correo electrónico proxectos@executivasdegalicia.org
A Deputación de Ourense impulsa, en colaboración con Executivas de Galicia, a segunda edición de Xerando Redes +45, un programa destinado a favorecer a empregabilidade e as oportunidades profesionais das mulleres maiores de 45 anos da provincia.
A iniciativa, financiada pola Deputación de Ourense e totalmente gratuíta para as participantes, está dirixida tanto a mulleres que se atopan en situación de desemprego como a aquelas que buscan unha mellora da súa situación laboral.
Tras a boa acollida da primeira edición, a Deputación renova o seu apoio a este proxecto co obxectivo de contribuír a afrontar unha realidade que afecta especialmente ás mulleres maiores de 45 anos e, ao mesmo tempo, reivindicar a experiencia, o coñecemento e a traxectoria profesional como activos para o mercado laboral e para o tecido económico da provincia.
Segundo os datos manexados pola organización do programa, as mulleres maiores de 45 anos representan na actualidade arredor do 60 % do paro feminino na provincia de Ourense. Xerando Redes +45 pretende contribuír a reverter esta situación mediante ferramentas que permitan ás participantes mellorar as súas competencias, ampliar a súa rede profesional e afrontar con maiores recursos os procesos de procura de emprego ou mellora laboral.
Desde a Deputación sublíñase a importancia de aproveitar todo o talento dispoñible na provincia e evitar que a idade se converta nun factor de exclusión laboral, especialmente nun colectivo que conta cun importante capital de experiencia e coñecemento acumulado.
Formación e acompañamento durante outubro e novembro
A segunda edición de Xerando Redes +45 desenvolverase durante os meses de outubro e novembro de 2026 a través dun programa integral que combinará formación, acompañamento e creación de redes profesionais.
Entre as accións previstas figura formación práctica para a empregabilidade, con obradoiros presenciais e en liña sobre intelixencia emocional, imaxe persoal nos procesos de selección e elaboración dunha presentación profesional efectiva.O programa incluirá tamén un ciclo de charlas e encontros sobre ámbitos de especial interese para a procura de emprego e o desenvolvemento profesional, como a optimización do currículo, o uso estratéxico das redes sociais e da intelixencia artificial, a educación financeira ou o emprendemento feminino.
Outro dos eixos fundamentais será o networking e a conexión profesional, favorecendo o intercambio entre as participantes, as integrantes de Executivas de Galicia e representantes do tecido empresarial ourensán para compartir experiencias, xerar sinerxías e ampliar as súas redes de contactos.
As participantes estarán acompañadas ao longo das diferentes accións por profesionais e integrantes de Executivas de Galicia, que compartirán a súa experiencia e coñecementos coas mulleres participantes.
Poñer en valor o talento senior
A colaboración da Deputación neste programa enmárcase no obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades, a empregabilidade e o aproveitamento do talento existente na provincia, contribuíndo ao mesmo tempo a combater os prexuízos vinculados á idade no ámbito laboral.
A experiencia, a madurez profesional e o coñecemento acumulado constitúen recursos de valor para as empresas e para o conxunto da economía provincial, polo que Xerando Redes +45 busca tamén reforzar a visibilidade deste talento e proporcionar ás participantes ferramentas adaptadas ás novas demandas do mercado laboral.
O período de inscrición xa está aberto. As mulleres interesadas en participar ou obter máis información sobre o programa poden contactar con Executivas de Galicia a través do correo electrónico proxectos@executivasdegalicia.

