Alerta de que o inicio de curso supón un desembolso de entre 450 e 500 euros por alumna ou alumno, denuncia que as axudas municipais de comedor aínda non se resolveron e critica a falla de resposta da Xunta do Partido Popular
Xabier P. Igrexas: “O inicio de curso ten que deixar de ser unha dura pendente para a economía das familias traballadoras”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama medidas do Concello de Vigo e da Xunta de Galiza para aliviar o impacto económico nas familias viguesas do inicio do curso escolar, que encetou este mércores, e denuncia o abandono da educación pública por parte de ambas administracións.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que as familias das preto de 35.000 alumnas e alumnos de educación infantil, primaria e secundaria da cidade, así como do alumnado de formación profesional e estudos superiores, afrontan unha “dura pendente de setembro para a economía dos fogares da maioría social”.
O BNG sinalou a estimación de entre 450 e 500 euros por alumna ou alumno o custo estimado deste inicio de curso, unha carga que, segundo Igrexas, se ve agravada pola inflación e polo incremento dos prezos que afrontan diariamente as familias.
Neste contexto, a fronte nacionalista denuncia especialmente a situación das axudas municipais de comedor escolar, que continúan sen resolverse para o inicio do curso. “Este curso empeza coas familias de menores recursos na incerteza de se van dispoñer ou non da beca municipal de comedor escolar”, sinalou Igrexas, que considera que esta situación pode provocar novamente que crianzas que precisan deste servizo esencial non poidan acceder a el por non poder asumir o seu custo.
O portavoz do BNG recoñece que o Goberno municipal atendeu finalmente a demanda da formación nacionalista de adiantar o prazo de solicitude das axudas, mais critica que non se producise unha axilización equivalente da súa resolución. “Unha situación que só obedece a falla de xestión do Goberno municipal de Abel Caballero”, afirmou.
Falla de resposta da Xunta
Igrexs tamén dirixiu as críticas á Xunta de Galiza, á que acusa de “virar as costas á realidade social” ao non adoptar medidas para reducir o custo que soportan os fogares neste momento do ano.
Neste sentido, lembrou que o PP de Luísa Sánchez rexeitou no último Pleno municipal as propostas do BNG para instar á Xunta a restituír a gratuidade universal dos libros de texto, suprimida polos populares desde 2009, e incrementar as contías das axudas de comedor e material escolar. A formación nacionalista tamén reclamaba ampliar estas últimas para incluír materiais complementarios demandados polos centros educativos e os necesarios para desenvolver pedagoxías activas.
O BNG denuncia igualmente o rexeitamento á proposta de establecer como servizos esenciais o transporte escolar, o comedor, a aula madruga e as actividades extraescolares, cunha prestación garantida en todos os centros públicos mediante un plan xestionado e financiado con recursos públicos. “Unha medida que suporía acabar coa competencia desleal, dopada con enormes cantidades de diñeiro público ás que se engade o cobro de cotas ilegais, por parte dos centros privado-concertados que tanto promociona e apoia PP cos recursos de todas e todos”, explicou.
“Fronte á propaganda do Goberno de Abel Caballero e fronte ao abandono da Xunta do PP, desde o BNG témolo moi claro: a educación pública non pode ser un luxo nin un negocio, ten que ser un dereito garantido”, afirmou Igrexas.
O portavoz nacionalista reclamou así “políticas públicas valentes e máis recursos” e defendeu avanzar cara a un modelo de ensino público “cento por cento gratuíto, universal e de calidade”.

