O BNG de Poio denuncia “o absoluto caos e colapso” da fin de semana da Festa do Mar e acusa o goberno de Moldes de non saber xestionar eventos masivos

Redacción

Marga Caldas reclama unha mellor organización e advirte da contradición de retirar a carpa gastronómica da celebración en Combarro mentres se mantén a da ameixa en Campelo e a do marisco en Raxó co apoio do Concello

O BNG de Poio fixo hoxe unha valoración crítica da organización da Festa do Mar denunciando “o absoluto caos e colapso vivido durante a fin de semana”. A voceira municipal nacionalista Marga Caldas considera que o goberno de Ángel Moldes “volve demostrar que non sabe organizar nin planificar adecuadamente grandes eventos masivos” e reclama unha revisión en profundidade do modelo de organización.

“Estamos a favor de que Poio acolla grandes eventos, de que veña xente e de que a Festa do Mar siga a ser un referente. Mais precisamente porque é un evento importante e porque atrae a milleiros de persoas hai que organizalo ben”, sinala Caldas, quen subliña que “non se pode confundir éxito de público con boa organización. Unha cousa non implica necesariamente a outra”.

A voceira do BNG fai fincapé nas numerosas queixas recibidas da veciñanza polo colapso de coches e as dificultades de circulación durante o sábado e o domingo, nunha situación que, ao seu xuízo, evidencia a falta dunha planificación suficiente dos accesos, do tráfico e dos aparcadoiros. “Hai que pensar tamén nas persoas que viven aquí todo o ano, que teñen que poder entrar e saír. Non podemos asumir como inevitable que cada gran evento implique o caos circulatorio”, apunta.

Para o BNG é necesario darlle unha volta á organización da Festa do Mar, analizar o que funcionou e o que non e introducir melloras para futuras edicións. “Se queremos que a Festa do Mar siga a medrar temos que ser capaces de asumir tamén os problemas que provoca unha celebración destas dimensións e buscar solucións apostando pola calidade”, afirma Caldas.

O BNG critica ademais o discurso do goberno local arredor da celebración e lembra que a Festa do Mar non é unha creación do Partido Popular nin naceu co actual mandato municipal. “Parece que agora o PP descubriu a Festa do Mar e presume dela como se fose unha creación propia, cando este ano estamos precisamente ante a súa 25ª edición”, lembra Marga Caldas.

Caldas reivindicou o traballo acumulado en mandatos anteriores e as moitas persoas que contribuíron a que chegase ata onde está, lembrando ademais que o Partido Popular mesmo a levou aos xulgados hai anos. “É curioso ver como agora presumen dunha festa que non inventaron e que, ademais, chegaron a intentar impedir nos tribunais. A Festa do Mar segue celebrándose, e con éxito, a pesar dos impedimentos do PP. Un pouco de memoria”, pediu.

Por outra banda, o Bloque tamén expresou a súa sorpresa polo argumento empregado polo alcalde durante o discurso inaugural para xustificar a eliminación da carpa gastronómica. Segundo explicou Moldes, esta decisión respondeu á vontade de evitar que representase unha competencia para a hostalaría local. Porén, as nacionalistas cuestionaron a decisión e subliñaron que o argumento non se sostén á vista doutras celebracións promovidas e apoiadas polo propio Concello.

“Resulta sorprendente escoitar que se retira a carpa gastronómica da Festa do Mar porque supostamente é competencia para a hostalaría e, ao mesmo tempo, ver que o Concello promove e apoia a Festa da Ameixa de Campelo e a Festa do Marisco de Raxó, que tamén contan con carpas de degustación”, sinala Caldas. “A hostalaría deses lugares non se ve afectada?”, ironiza a voceira nacionalista, solicitando ao goberno local que explique cal é o criterio real e obxectivo que aplica para determinar cando unha carpa gastronómica é unha competencia para a hostalaría e cando non.

Marga Caldas subliña que a Festa do Mar merece unha organización á altura da súa importancia, precisamente porque leva 25 anos sendo un dos grandes eventos de Poio. “Queremos unha Festa do Mar forte, con actividade, con xente e con impacto económico, pero tamén queremos que estea ben organizada, que teña calidade e que respecte a veciñanza”, finaliza.

Comparte este artigo