• O portavoz municipal critica a instalación dunha estrutura eléctrica “absolutamente desproporcionada” fronte a un restaurante na rúa Alameda e lamenta que “non se estean coidando os detalles”
• O PP defende un modelo de cidade “máis verde, planificado e, sobre todo, acordado cos veciños e os sectores afectados”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou o “feísmo urbanístico” que, ao seu xuízo, está a estender o goberno do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores pola cidade e puxo como último exemplo a instalación dunha estrutura eléctrica diante dun restaurante na rúa Alameda.
“Atopámonos diante dun dos restaurantes máis importantes da cidade cun procreo, unha instalación eléctrica absolutamente desproporcionada nun lugar onde non corresponde”, denunciou Domínguez.
O portavoz popular lamentou especialmente a falta de coidado á hora de tomar decisións que afectan tanto á imaxe da cidade como a sectores fundamentais para Pontevedra como a hostalería e o comercio.
“Lamento profundamente que non haxa ninguén ao volante, que non se estean coidando os detalles e que ninguén se diera conta de que esa instalación eléctrica nese lugar é absolutamente impropia e non pode estar aí”, sinalou.
Domínguez lembrou, ademais, que o Grupo Municipal Popular xa preguntou en comisión por esta instalación e polo seu carácter provisional ou permanente, sen que o goberno local soubese aclarar se a estrutura permanecerá definitivamente nesta localización. Ante a falta de resposta, o PP rexistrou tamén unha solicitude por escrito para coñecer se se trata dunha instalación provisional ou permanente e os motivos que levaron ao Concello para elixir este emprazamento.
Para o portavoz popular, este novo episodio súmase a outras decisións
recentes que demostran unha preocupante falta de sensibilidade cara á hostalería pontevedresa. “Se recentemente desde o Partido Popular denunciabamos a colocación e a falta de coidado dun composteiro comunitario ao lado dun restaurante, agora atopámonos cunha situación similar diante doutro dos restaurantes da cidade”, lembrou.
Para Domínguez, ambos os casos reflicten unha forma de actuar que non só prexudica aos establecementos afectados, senón que tamén repercute directamente na imaxe e o coidado do espazo urbano de Pontevedra.
Fronte a este modelo, o portavoz municipal defendeu outro xeito de entender o urbanismo da cidade. “Desde o Partido Popular apostamos por un urbanismo coidado, máis verde e planificado; un urbanismo que axude á hostalería e ao comercio en lugar de prexudicalos e que teña en conta aos veciños”, defendeu.
“Pontevedra necesita coidar os detalles e pensar onde e como se realizan este tipo de actuacións. Agora mesmo, no Concello de Pontevedra non hai ninguén ao volante”, concluíu Domínguez.

