• O líder dos populares esixe ao Gobierno local que explique que foi do proxecto anunciado para converter a antiga cafetería nun local social para a Federación Castelao.
• “Pasan os anos e seguimos coa antiga cafetería pechada, unha praza descoidada, os xardíns sen rozar e unha promesa incumprida máis do BNG”, censura
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou a “absoluta desidia” do Gobierno do BNG, encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores, coa Praza da Liberdade, un espazo municipal que “leva moitos anos esperando unha nova actividade que nunca chega”.
Domínguez cualificou de “abandono intolerable” o estado actual da praza, situada xunto a Raíña Victoria, e criticou especialmente a situación da antiga cafetería e a deterioración xeral dun espazo municipal que debería estar “sen okupas, coidado e posto ao servizo dos pontevedreses”.
“Estamos ante outro exemplo da incapacidade do Gobierno de Lores para xestionar e manter os espazos públicos. É urxente recuperar a Praza da Liberdade, o local da antiga cafetería e dar unha nova utilidade a un inmoble que leva pechado desde finais de 2017”, asegurou.
En 2022, o Concello anunciou que renunciaba definitivamente a recuperar o uso hostaleiro do espazo e que, despois de varios intentos errados de concesión, converteríao nun local social para a Federación de Asociacións de Vecinos Castelao.
“Pasaron os anos e seguimos co inmoble pechado, unha praza descoidada, os xardíns sen rozar e unha promesa máis do Gobierno de Lores que se incumpriu”, censurou Domínguez.
“Onde está o novo local social que se ía a abrir na cafetería? Onde está a reforma da praza? Que fixo o Concello durante todos estes anos para recuperar este espazo?”, preguntou o portavoz popular.
Domínguez considera especialmente grave que o Concello manteña durante anos pechado e deteriorándose un inmoble municipal mentres “Pontevedra ten veciños, asociacións e colectivos que necesitan espazos para desenvolver as súas actividades”.
O dirixente popular sinalou que a Praza da Liberdade se suma a unha “lista cada vez máis longa” de instalacións e espazos municipais que pecharon as súas portas. Neste sentido, mencionou o peche do Teatro Principal, o CITA e o fracaso do Gastroespazo na parte superior do Mercado de Abastos.
“A sensación que transmite o Goberno de Lores é que cada espazo municipal que xestiona acaba deteriorándose ou quedándose sen uso”, concluíu.

