O proxecto, cun prazo de execución de tres meses e financiado a través de fondos do +Provincia, facilitará que disminúa o tránsito a pé por un tramo da N-640 no que as beirarrúas son demasiado estreitas
O alcalde, Jacobo Pérez, recorda que esta actuación dá continuidade a outras similares e destaca a folla de ruta do Goberno local en materia de mellora, embelecemento e mantemento da vila
O río Bermaña contará cunha nova pasarela nos vindeiros meses, grazas a un proxecto impulsado polo Concello de Caldas de Reis dentro da súa folla de uta de mellora, embelecemento e mantemento da vila, na que se fai especial fincapé na seguridade viaria. O alcalde, Jacobo Pérez, explica que nas vindeiras semanas darán comezo os traballos de instalación da nova estrutura, que unirá a zona da Tafona coa Rúa Sardanela. O rexedor caldense explica que esta actuación faise necesaria debido ao elevado tránsito peonil que se produce neste enclave, debido á proximidade do novo Fogar do Maior, inaugurado hai menos dun ano.
“Con esta pasarela o que facemos é facilitar o desprazamento a pé de usuarios e usuarias das instalacións, así como ao resto de veciñanza e de visitantes, dunha maneira moito máis áxil e segura”, indicou. A dotación deste paso sobre o río Bermañá fará que xa non sexa preciso que os e vas viandantes teñan que camiñar polo tramo da estrada N640 que vai desde o remate da rúa Juan Fuentes ata A Tafona, onde a beirarrúa é máis estreita.
A obra será executada pola empresa Umia Metal, que xa desenvolveu tarefas similares na zona anteriormente. O orzamento ascende a algo máis de 20.000 euros, que se financian a través de fondos xestionados a través do Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra. O proxecto contempla o deseño da nova pasarela como unha estrutura metálica lixeira, adaptada para o acceso exclusivo apra peóns. Será unha infraestrutura funcional adaptada tamén ás características singulares da contorna, de feito que se facilita a súa integración de maneira armónica, ao tempo que se cumpre co obxectivo de reforzar a seguridade peonil. Tal e como figura na memoria técnica, a estrutura metálica estará revestida con fibra de madeira e polímetros con boa resistencia á humidade e ao desgaste, ademais dunha baranda de aceiro. Tamén se habilitará unha luminaria led, que se conectará ao sistema de alumeado municipal.
O prazo de execución da obra é de tres meses, polo que, se non se produce ningún imprevisto, a pasarela estará operativa a principios de 2027. Jacobo Pérez salienta a importancia que o Goberno local lle outorga á seguridade e recorda que esta instalación da continuidade e renovación da pasarela existente noutra zona do río Bermaña.
“Estamos a falar dun enclave que, ademais da súa beleza e singularidade, é lugar de paso moi habitual para un gran número de persoas, polo que traballamos para garantir a súa seguridade e comodidade”, finalizou.

