A Xunta respalda a IV edición “O Mar en Tapas” na Illa de Arousa para promover o consumo da ameixa rosa e das algas autóctonas

Redacción
  • O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou na presentación desta ruta gastronómica impulsada pola OPP-20 e a Confraría de Pescadores
  • Unha decena de establecementos hostaleiros da localidade ofrecerán elaboracións con estes produtos locais durante a fin de semana do 12 e 13 de setembro

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou hoxe na sede da OPP-20 na Illa de Arousa na presentación da IV edición de O Mar en Tapas, onde reivindicou o papel da gastronomía de proximidade como a mellor aliada para descubrir novas formas de consumo e darlle saída comercial a especies clave da nosa ría.

A iniciativa, organizada pola Confraría de Pescadores da Illa de Arousa e a OPP-20 no marco das súas campañas anuais de valorización da marca Marisco de A Illa, conta co apoio da Consellería do Mar e o cofinanciamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Nesta edición, que se desenvolve durante a fin de semana do 12 e 13 de setembro, o protagonismo recae de cheo na ameixa rubia ou roxa e nas algas, dúas especies estratéxicas para a diversificación e sustentabilidade económica do pósito e do sector marisqueiro arousán.

Durante o percorrido, unha decena de locais de hostalaría do municipio serven tapas elaboradas con produto facilitado directamente pola OPP-20. O público participante non só pode degustar as diferentes creacións, senón tamén votalas cunha puntuación do 1 ao 5 para elixir a mellor tapa, entrando no sorteo de dous lotes de marisco da zona.

Rosón puxo en valor a aposta dos produtores por dignificar e darlle saída comercial á ameixa roxa, un bivalvo de excelente calidade gastronómica, así como polo aproveitamento sustentable dos recursos vexetais mariños. Neste ámbito, salientou a relevancia das seis variedades de algas comercializadas na lonxa da Illa (wakame, kombu, gracilaria, codium, himanthalia e leituga de mar), produtos 100 % naturais que contan con certificación ecolóxica e que abren novas vías de mercado para a gastronomía e a economía azul de Galicia.

Comparte este artigo