A Xunta celebra a edición mensual da “Artesanía de Galicia en Merza” dentro de Eferro Foliada

Redacción
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe no obradoiro de Eferro a edición de setembro do evento impulsado polo Goberno galego en colaboración coa zoqueira artesá Elena Ferro
  • Participan 10 expositores de Artesanía de Galicia especializados na cestería, na bixutería, na sombreirería, nos instrumentos musicais, na encadernación e no téxtil
  • A programación impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia inclúe tamén dous obradoiros abertos e gratuítos de iniciación ao torno cerámico e á xoiería en macramé

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata o obradoiro Eferro, en Vila de Cruces, para asistir a unha nova edición do evento Artesanía de Galicia en Merza, que neste caso se celebra coincidindo coa tradicional foliada anual impulsada pola zoqueira Elena Ferro. Alí, puxo en valor a iniciativa posta en marcha o pasado marzo a través da Fundación Artesanía de Galicia en colaboración co obradoiro Eferro, para celebrar un calendario de feiras mensuais de comercialización protagonizadas por obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O obxectivo de Artesanía de Galicia en Merza é promover a venda directa da artesanía galega, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar o rural a través dun evento mensual no que se incorporan obradoiros abertos de iniciación a diferentes técnicas, música e gastronomía. Os expositores de Artesanía de Galicia estarán abertos ao público ata as 21,00 h. no espazo EferroGhalpón, no propio obradoiro de Elena Ferro.

En concreto, estarán o obradoiro de cerámica Intre (Meira), o de sombreiros de Julia Vilariño (Pontedeume); Jerolas (Curtis), de moda e complementos;  Sanín Percusión tradicional (Santiago de Compostela); Elgoal (A Rúa), de encadernación; Leónlagata (Sanxenxo), de xoiería cerámica; Nobelo a nobelo (Vedra), de complementos de moda; O carabel ecocestos (Ferrol), especializado en cestería; e os obradoiros de bixutería LatonQueen (Santiago de Compostela) e Paseloqpase (Ribadumia).

No marco da programación impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia, tamén se están a celebrar dous obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos, que rematarán ás 20,00 horas. Trátase dun taller de iniciación ao torno cerámico, impartido polo ceramista Carlos San Claudio, e outro de xoiería creativa en macramé, a cargo de Nai Deseños, neste caso para maiores de 12 anos.

Comparte este artigo