O Concello de Oia vén de executar unha intervención destinada a mellorar a seguridade viaria en distintos viarios municipais, mediante a instalación de barreiras de protección e a renovación da sinalización horizontal. A actuación, cun investimento próximo aos 14.000 euros, finánciase a través do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.
As obras teñen como finalidade reforzar as condicións de seguridade en tramos con risco potencial, incrementando a protección fronte a saídas de vía e mellorando a visibilidade en puntos sensibles do trazado.
No que respecta ás barreiras de seguridade, a actuación centrouse en subsanar as deficiencias detectadas en viais nos que diversas cortas de madeira deixaran expostos algúns desniveis. No caso da sinalización horizontal, fixéronse traballos de repintado das marcas dalgúns tramos de estradas así como a nova instalación de materiais reflectantes.
Zonas de actuación
As melloras concéntranse en tres ámbitos principais do municipio:
No cruce do camiño Xiguente cara ao cemiterio de Burgueira (parroquia de Burgueira) instaláronse aproximadamente 50 metros de barreiras de seguridade metálica, reforzando a protección na zona de desnivel existente no propio cruce, que quedara exposta tras unha recente corta.
Na baixada de Santa Comba a Loureza (parroquia de Loureza) colocáronse arredor de 50 metros de barreiras de seguridade no inicio do camiño, dando continuidade á barreira xa existente e reforzando un tramo que tamén quedara moi exposto despois dunha corta.
No vial Mavia – Santa Comba (parroquia de Loureza) repintouse a sinalización horizontal da estrada, incluíndo marca viaria lonxitudinal de bordo, e reinstaláronse captafaros reflectantes tipo “ollo de gato”, co obxectivo de mellorar a visibilidade nocturna e en condicións de baixa luminosidade.
Con este conxunto de intervencións, o Concello de Oia continúa avanzando na mellora da seguridade viaria e na conservación dos camiños municipais, garantindo condicións de tránsito máis seguras tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan o municipio.

