Comezan as obras de humanización e mellora da mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña

Redacción

Os traballos, promovidos polo Concello, serán cofinanciados pola Unión Europea (Fondos FEDER) e contarán coa colaboración da Deputación

O proxecto, de 5,1 millóns de euros, prevé a reforma integral da rúa coa a instalación de 5 ramplas para salvar a forte pendente existente

O alcalde asistiu ao inicio dunha obra que “vai cambiar o barrio” e dar un servizo “tremendo” a veciños e usuarios do centro de saúde e da Universidade Laboral

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron esta mañá ao inicio das obras de humanización e mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña.

O proxecto prevé a reforma integral desta vía coa renovación da iluminación eficiente, redes de saneamento e novas zonas verdes. O elemento principal da actuación será a instalación de cinco tapices rodantes para salvar a forte pendente do terreo, cunha capacidade para mover ata 6.000 persoas por hora. A finalidade desta intervención é mellorar a mobilidade e a calidade de vida dos veciños do barrio, que verán incrementada notablemente a súa accesibilidade grazas aos novos elementos de mobilidade vertical.

O proxecto ten un orzamento de licitación de 5,1 millóns de euros. As obras serán executadas pola empresa Oreco Balgon SA por un importe de 4.455.478,42 € e un prazo de execución de 12 meses. A adxudicataria presentou a mellor oferta e propuxo como melloras 4 anos máis de garantía adicionais ao ano obrigatorio e 5 anos de mantemento integral gratuíto dos elementos mecánicos.

Os traballos, promovidos polo Concello de Ourense, serán cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dentro da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (Plan EDIL). Así mesmo, a intervención conta coa colaboración da Deputación de Ourense, que achega 9.000 euros, a través do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello.

O alcalde destacou a importancia desta obra, “con cinco ramplas mecánicas dun sistema de elevación vertical que vai revalorizar o barrio, ademais de dar un servizo tremendo tanto para as persoas que utilizan o centro de saúde, para a Universidade Laboral e para toda a veciñanza”.

Así mesmo, Pérez Jácome puxo en valor que sexa unha empresa local a que execute as obras, subliñando que presentou a mellor oferta técnica e económica ao Concello. Esta obra de humanización “vai cambiar o barrio, e vai cambiar Ourense”, aseverou.

Pola súa banda, o concelleiro Francisco Lorenzo detallou que a intervención “contempla unha renovación completa da rúa, tanto a nivel de infraestrutura como de servizos: renovaránse todas as redes, mellórase toda a iluminación pública e electricidade, e instálanse cinco ramplas mecánicas, entre as que se atopan os tramos máis longos que se puxeron nunca, de 50 e 53 metros. Van cambiar completamente a mobilidade tanto do barrio como de toda a contorna”.

Comparte este artigo