Ourense, setembro de 2026. Funtastik No Limits anuncia o lanzamento do I Concurso Escolar de Curtametraxes Funtastik, unha iniciativa dirixida aos centros de Educación Primaria da provincia de Ourense co obxectivo de fomentar a creatividade audiovisual, o traballo en equipo e os valores de respecto, convivencia e sustentabilidade vinculados ao Camiño de Santiago.
O certame propón como tema central “O Camiño de Santiago pola provincia de Ourense e o Turismo Responsable”, e anima ao alumnado a crear curtametraxes de ata 5 minutos, gravadas con calquera dispositivo dixital e editadas con ferramentas externas.
Cada centro poderá presentar ata 4 obras, que deberán ser orixinais, entregarse en formato MP4 e cumprir os requisitos técnicos e legais establecidos nas bases do concurso.
Premios
O concurso contará con dous recoñecementos principais:
- 1º Premio: unha Xornada Funtastik no propio colexio, con actividades lúdicas e educativas adaptadas ao alumnado.
- Premio Especial “Valores do Camiño”: mención honorífica, unha árbore autóctona “Camiño Sostible” para plantar no centro e un vale de 200 € en material deportivo.
As obras finalistas serán proxectadas durante Funtastik Ourense 2026, no recinto EXPOURENSE, onde tamén terá lugar a entrega de premios.
Prazo e inscrición
O prazo de entrega das curtametraxes remata ás 23:59 h do mércores 30 de setembro de2026. As inscricións deberán enviarse ao correo cortos.funtastik@gmail.com, incluíndo a ligazón ao vídeo, ficha técnica, autorizacións e documentación requirida.

