Jacobo Pérez confirma que a Xunta de Galicia e o PP saben desde xullo que o ministerio de Transporte xa traballa nunha alternativa diferente para a Variante Oeste

Redacción

A secretaria xeral de Transporte Terrestre deu resposta o 14 de xullo a unha petición de información por parte da Consellería de Vivenda, cunha misiva na que textualmente corrobora que se aposta por tramitar “unha alternativa independente”, consisetne nuna ‘mini-variante ou ronda”, que prioriza dar resposta aos problemas de mobilidade e “reducindo ao mesmo tempo a afección territorial” asociada ao estudo ao que se opuxo a veciñanza

Pérez Gulín incide na gravidade do proceder do Partido Popular, a quen “se lle cae o relato da boa vontade, mentres que aflora a súa pretensión de buscar réditos electorais”

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, informa de que a Xunta de Galicia e o Partido Popular teñen constancia desde hai meses de que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible xa traballa nunha alternativa diferente ao estudo da Variante Oeste, que ten en conta, deste xeito, as alegacións e as demandas de veciñanza para que se proxecte unha actuación de maior consenso e coas menores afeccións posibles sobre o terreo. O 14 de xullo, a secretaria xeral de Transporte Terrestre reimitiu unha carta á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na que se especifica que o Ministerio “considera convinte orientar a actuación cara unha solución que permita dar resposta prioritaria aos problemas de mobilidade e seguridade viaria existentes, reducindo, ao mesmo tempo, a afección territorial asociada a outras alternativas analizadas”. Esta misiva foi enviada como resposta a unha petición da propia Consellería de información sobre a situación do estudo da Variante Oeste.

Deste xeito, o documento constata que o Goberno central segue as peticións, consensuadas coas plataformas, que o alcalde trasladou nun encontro celebrado o pasado 22 de xuño con responsables Dirección Xeral de Estradas e a Subdelegación do Goberno, no que Pérez Gulín insistiu na importancia de dar cumprimento ás alegacións presentadas.

A representante do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible confirma na carta enviada á conselleira o acordo de “continuar a tramitación dunha actuación consistente nunha ‘mini-variante’ ou rolda de Caldas de Reis, concebida como unha alternativa independente”. Unha solución que “permitirá atender a problemática máis urxente do núcleo urbano”, ao tempo que “presente unha menor afección sobre o territorio, favorecendo deste xeito un maior grado de consenso institucional e social”. Por último, a secretaria de Transporte Terrestre informa xa nesa carta que a Dirección Xeral de Estradas traballa nas xestións técnicas necesarias sobre esa alternativa, o que supón o paso previo para iniciar a correspondente tramitación ambiental”.

O alcalde caldense soubo da existencia desta carta a través da Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación en Pontevedra, despois de que o Concello remitise o acordo plenario, acadado en agosto coa abstención do Partido Popular, para solicitar ao Estado a renuncia ao estudo da Variante Oeste. Jacobo Pérez amosouse moi crítico coa actitude do Partido Popular e da Xunta de Galicia. “O PP tiña desde hai dous meses constancia por escrito da intención do Ministerio de cumprir coa demanda da veciñanza, e, aínda así, o seu voceiro ocultou esta información de xeito deliberado á cidadanía asegurando que se seguía a tramitar o estudo anterior. Tivemos un Pleno en agosto
no que o PP xa tiña constancia desa información, pero os seus responsables optaron por calar, deixando claro que en ningún momento houbo pola súa parte un interese real de traballar en conxunto para atopar unha solución. Todo isto non fai máis que demostrar que a única pretensión do Partido Popular era obter rédito político desta situación, sen importarlle os intereses dos nosos veciños e veciñas. Cáeuselle o seu relato da boa vontade”, criticou o rexedor.

Jacobo Pérez, actuando con total transparencia, deu traslado desta carta ás plataformas veciñais e reafirmou o seu compromiso a continuar loitando para conseguir que ese proxecto alternativo sexa unha realidade. “Tamén estamos preguntando a razón pola cal o Ministerio enviou esa resposta á Consellería e non ao Concello”, aclarou.

Comparte este artigo