A Xunta pon o Pazo da Mercé como exemplo práctico da importancia do Catálogo de Bens do Litoral para darlles unha segunda vida ás edificacións costeiras

Redacción
  • Tras sinalar que protección e actividade poden ir da man, Ángeles Vázquez insiste na necesidade de facilitar que bens que forman parte da historia da costa galega poidan seguir vivos e ter usos adaptados á realidade actual e compatibles coa súa protección
  • Aprobado en marzo e con máis de 2.000 elementos referenciados, lembra que o catálogo está previsto na Lei de ordenación e xestión integral do litoral para garantir a conservación do rico patrimonio arquitectónico, industrial e cultural da costa galega
  • Explica que a catalogación desta edificación en Neda ofrece a seguridade xurídica necesaria para poder encaixar as obras e actuacións previstas polos seus propietarios para adaptala e rehabilitala para usos relacionados co sector da restauración
  • Avanza que a solicitude para intervir no pazo e na súa contorna conta xa con informe favorable de Patrimonio Cultural e será autorizada en breve polo seu departamento

A Xunta de Galicia considera o caso do Pazo da Mercé, en Neda, un exemplo práctico e significativo dos obxectivos cos que se creou o Catálogo de bens de valor cultural no litoral, unha ferramenta impulsada co fin principal de protexer o rico patrimonio costeiro que alberga a Comunidade e facilitar que moitos dos elementos catalogados poidan ter unha segunda vida, máis aló do seu uso orixinal.

Durante a súa visita a un dos pazos de referencia na comarca de Ferrolterra, que data do século XVIII e está integrado polo edificio principal, unha capela, os xardíns e varias construcións auxiliares; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu en que este tipo de elementos forman parte da historia e do patrimonio costeiro galego e como tales, merecen ser protexidos.

Por iso, insistiu na necesidade de habilitar as ferramentas e o marco normativo axeitados para garantir que permanezan vivos e con algún tipo de actividade ou uso que estea adaptado á realidade actual, sempre que sexan compatibles coa preservación dos valores polos que se considera que estes bens merecen protección.

Con este fin, a Xunta aprobou o pasado mes de marzo o referido catálogo, que inclúe máis de 2.000 construcións costeiras clasificadas como arquitectónicas (855), arqueolóxicas (584), etnográficas (366), industriais (186) e artísticas (12).

De feito, a conselleira lembrou que a creación desta ferramenta está prevista na Lei de ordenación e xestión integral do litoral (Loxilga) para garantir a conservación do rico patrimonio arquitectónico, industrial e cultural da costa galega e outorgar seguridade xurídica aos seus titulares para impulsar proxectos de recuperación e rehabilitación de edificacións que, en moitos casos, están en desuso ou presentan un deterioro notable.

A modo de exemplo, explicou que a inclusión do Pazo da Mercé no inventario de bens de valor cultural do litoral galego permitiu ofrecer o marco xurídico necesario para poder estudar a viabilidade das obras e actuacións proxectadas polos seus propietarios co fin de adaptar, rehabilitar e ampliar parte das edificacións e elementos auxiliares para destinalos a usos relacionados coa hostalaría e a restauración.

Isto é posible no caso de intervencións e proxectos relacionados con bens incluídos no catálogo porque o artigo 58 da Loxilga permite analizar este tipo de solicitudes desde o punto de vista do seu réxime específico de protección cultural, algo que non tería encaixe de aplicarse o réxime ordinario da zona de servidume de protección da costa.

Polo tanto, a protección desde o punto de vista cultural que se lle dá a estas edificacións abre a vía para estudar e autorizar, de ser o caso, as necesidades de adaptación dos bens catalogados, sen renunciar á súa protección e conservación.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que no caso concreto do Pazo da Mercé a solicitude para intervir nas distintas edificacións que integran o conxunto e para acondicionar os accesos, presentada este verán, conta xa con informe favorable previo de Patrimonio Cultural e avanzou que, unha vez recompilada xa o resto de documentación e certificacións requiridas, está previsto que sexa aprobada en breve por parte do seu departamento, que exerce as competencias en materia de xestión do litoral.

Comparte este artigo