O esperpento de Valle-Inclán cobra vida no Rosal

Redacción

Noitebras Teatro chega este domingo 20 (20 h) ao auditorio municipal cun espectáculo que fusiona dúas obras do dramaturgo galego

Meigas, desexo, ambición, liberdade e un pacto de sangue para tentar mudar o destino. O Auditorio Municipal do Rosal mergúllase este domingo 20 de setembro, ás 20.00 horas, no particular universo de Ramón María del Valle-Inclán coa representación de ‘Retablo do Esperpento’, un espectáculo de Noitebras Teatro que fusiona dúas das pezas do dramaturgo galego nunha única proposta escénica.

A compañía leva ás táboas unha adaptación de ‘Ligazón’ e ‘A rosa de papel’, dúas obras incluídas no Retablo da luxuria, a avaricia e a morte, para construír unha historia na que o simbolismo, o grotesco e o destino propios do universo valleinclaniano dialogan arredor das decisións humanas e das súas consecuencias.

En escena, o público entrará nunha familia de meigas na que unha moza se resiste ás argucias da súa tía que, coa complicidade da nai, pretende obter beneficio dos regalos que un home rico ofrece a cambio dos favores da nova. Fronte aos intereses que outros proxectan sobre ela, a protagonista trata de reafirmar a súa liberdade deixándose cortexar por un humilde afiador.

Pero unha noite de lúa todo cambia. Servíndose dos seus poderes, a moza consegue albiscar o seu futuro e decide intervir nel mediante unha ligazón, un pacto de sangue que abre a porta á gran cuestión que percorre a obra: ata que punto as decisións tomadas no presente permiten transformar o porvir e escapar do destino.

A entrada será de balde ata completar o aforo.

Comparte este artigo