A Sociedade Galega de Feridas premia o enfoque holístico dun caso clínico dunha enfermeira residente da Área Santaria de Pontevedra e O Salnés

Redacción
Screenshot
  • –      Ana Rodríguez Fernández, residente de 2º ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria, recibiu o segundo premio da VII Beca Trisquel no marco do VII Congreso destaSociedade,celebrado a pasada fin de semana en Vigo
  • –      O estudo premiado aborda o caso dunha paciente con úlcera venosa complexa nunha perna, reorientando os coidados cara a mellora da súa calidade de vida e o seu papel coma coidadora dun fillo gran dependente

A enfermeira residente de segundo ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Ana Rodríguez Fernández, ven de recibir o segundo premio da VII Beca Trisquel ao Coidado de Feridas. Este recoñecemento tivo lugar no marco da celebración do VII Congreso da Sociedade Galega de Feridas, celebrado en Vigo a pasada fin de semana.

A Beca Trisquel ten coma obxectivo incentivar aos profesionais sanitarios a transmitiren as súas experiencias na práctica clínica diaria, promovendo a excelencia asistencial e a xeración de evidencia científica no ámbito da atención ás feridas complexas.

Reorientación terapéutica e abordaxe centrada na persoa

O estudo presentado por Ana Rodríguez Fernández analizou o caso clínico dunha paciente que presentaba unha úlcera venosa de longa evolución nunha perna, con severas dificultades para a cicatrización. Malia a aplicación dun plan de coidados rigoroso -que incluíu unha terapia compresiva e abordaxes avanzadas como microenxertos autólogos en sello- a lesión non acadaba a súa curación completa.

Dado que esta doente é, ademáis, a coidadora habitual dun fillo gran dependente cunha enfermidade dexenerativa, o equipo asistencial decidiu reorientar os obxectivos terapéuticos do caso, replanteando a estratexia desde unha perspectiva holística, integrada na realidade social da propia paciente.

Neste senso, a enfermeira galardoada co segundo premio da VII Beca Trisquel ao Coidado de Feridas destacou durante a súa ponencia que “ante a imposibilidade do peche completo da súa ferida, desplazamos o foco da cicatrización absoluta cara á mellora da calidade de vida desta paciente, priorizando o seu confort, para que poidera seguir coidando do seu fillo do mellor xeito posible”.

Formación especializada e compromiso

Co segundo premio da VII Beca Trisquel ao Coidado de Feridas recibido por Ana Rodríguez, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda o alto nivel da súa formación especializada e o compromiso dos seus futuros especialistas coa humanización dos coidados e a excelencia na atención asistencial.

Comparte este artigo