A Deputación destina 10.000 euros á mellora da traída de augas de Dornelas

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira Sara Cebreiro acompañaron o deputado provincial Javier Tourís durante a visita á actuación

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira Sara Cebreiro acompañaron hoxe o deputado provincial Javier Tourís durante a visita ás obras no depósito da traída de augas de Dornelas, unha infraestrutura que conta cunha achega de 10.000 euros da Deputación de Pontevedra a través do programa provincial +AQUA.

A actuación ten un orzamento total de 10.130 euros e permitiu realizar o cambio de tubaxe da rede, contribuíndo ao mantemento e adecuación das instalacións que dan servizo á veciñanza.

O programa +AQUA está dirixido ás comunidades de usuarios de auga da provincia e financia actuacións de mellora, reforma e reparación das súas infraestruturas, entre elas depósitos, redes de distribución, captacións e sistemas de tratamento, control e telecontrol.

Durante a visita, Nidia Arévalo puxo en valor a colaboración da Deputación coas comunidades de usuarios de auga de Mos e a importancia de seguir apoiando a conservación e mellora das traídas veciñais.

Pola súa banda, Javier Tourís destacou o apoio da institución provincial ás comunidades de augas a través do programa +AQUA, que permite acometer pequenas obras e actuacións necesarias para manter en boas condicións estas infraestruturas. A visita permitiu coñecer sobre o terreo o resultado do investimento realizado na traída de Dornelas e as necesidades de mellora das instalacións.

Comparte este artigo