O Concello de Ponteareas acollerá un obradoiro sobre diversidade afectivo-sexual dirixido á mocidade de entre 16 e 18 anos

Redacción

O obradoiro, impartido polo servizo Querote+ da Xunta de Galicia, terá lugar o martes 22 de setembro na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo

O Concello de Ponteareas, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), organizará o vindeiro martes 22 de setembro, ás 16:30 horas, un obradoiro sobre diversidade afectivo-sexual dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 18 anos. A actividade terá lugar na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo e será impartida por profesionais de Querote+, servicio da Xunta de Galicia.

O obradoiro ten como finalidade achegar á mocidade conceptos relacionados coa identidade sexual e a orientación do desexo, así como favorecer o coñecemento e o respecto pola diversidade sexual e afectiva. A proposta busca ofrecer ferramentas para comprender a diversidade humana e promover relacións baseadas no respecto, a igualdade e a convivencia libre de prexuízos.

Ao longo da sesión abordaranse cuestións como a visibilización da diversidade fronte aos modelos reducionistas, o valor das particularidades de cada persoa e a convivencia en igualdade no marco da diversidade. O contido desenvolverase dun xeito participativo e adaptado á idade das persoas participantes.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos Lgtbiq+, Raquel Plana, destacou a importancia de achegar este tipo de iniciativas á mocidade: “É fundamental que as persoas novas dispoñan de espazos nos que poidan informarse, expresar as súas dúbidas e coñecer a diversidade desde o respecto e a igualdade. Con este obradoiro queremos contribuír a construír unha mocidade máis libre de prexuízos e máis consciente da realidade diversa da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou que “a educación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e respectuosa”. Neste sentido, destacou que “desde o Concello queremos facilitar á mocidade información e espazos de participación que lles permitan medrar con liberdade, coñecendo e respectando as diferentes formas de vivir a identidade, os afectos e a sexualidade”.

A participación no obradoiro é gratuíta e conta con aforo limitado. As prazas serán asignadas por orde de inscrición, que poderá realizarse a través do correo electrónico cim@ponteareas.gal ou no teléfono 986 644 653.

A actividade forma parte das accións desenvolvidas en colaboración con Querote+, que traballa no ámbito da información, sensibilización e acompañamento relacionado coa diversidade sexual e afectiva.

Comparte este artigo