A Deputación de Ourense convértese na primeira institución provincial galega en organizar este evento de dimensión estatal, superando no proceso de selección a candidaturas provinciais máis fortes, cunha proposta con solvencia técnica e rigorosa
A provincia acollerá os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2027 este foro nacional de referencia, organizado xunto coa Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE)
Prevese a asistencia de máis de 600 profesionais de toda España, o que reforzará a posición de Ourense no sector MICE e dinamizará a economía e o turismo local
A Deputación de Ourense coorganizará xunto coa Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE), a quinta edición do Congreso sobre Control Interno Local (CCIL), un evento que suporá un fito histórico ao ser a primeira deputación galega seleccionada como sede do evento. O foro, que se celebrará no Auditorio Municipal de Ourense os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2027, é unha cita de referencia a nivel nacional no ámbito do control e a xestión económica das Entidades Locais.
A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a interventora da institución provincial, Mónica Legaspi, ademais do guía virtual de Ourense “O afiador”, quen grazas á IA explicou aspectos relacionado co CCIL.
Baixo o lema “Unha década de control: aprender, afianzar, transformar”, o encontro reunirá a máis de 600 congresistas, entre os que se inclúen interventores, tesoureiros, secretarios, auditores públicos e privados, así como profesionais do ámbito académico e da docencia de toda España.
Solvencia técnica e recoñecemento á Intervención da Deputación
A elección de Ourense como sede —tomando o testemuño de anteriores edicións en cidades como Córdoba, Badaxoz, Huesca e Palencia— foi froito dun proceso competitivo no que a IGAE avaliou candidaturas de todo o Estado. O presidente da Deputación destacou o gran traballo e a implicación da área de Intervención da institución provincial, subliñando que Ourense logrou a candidatura competindo con candidaturas provinciais máis fortes, no tocante a recursos técnicos e económicos.
“A solvencia técnica e o rigor do noso equipo fixeron que Ourense fose a elixida. Afrontar este reto de coorganización xunto á IGAE demostra o alto nivel técnico e o compromiso dos empregados públicos da Deputación co bo goberno, a transparencia e a eficacia no control dos recursos públicos”, sinalou o presidente.
Pola súa parte, a interventora da Deputación explicou o congreso mesturará análise con experiencias reais, coñecemento técnico e novas perspectivas sobre cuestións que están transformando o traballo diario das administracións. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da temática dado que a lei de control é recente, do ano 2017 e, polo tanto, “é unha novidade para moitas administracións”.
Impulso á “marca Ourense” e ao turismo MICE
A celebración do CCIL 2027 supón tanto un reto organizativo como unha oportunidade estratéxica para posicionar a cidade e a provincia de Ourense como referentes na organización de grandes eventos e congresos nacionais (turismo MICE).
Ademais dos foros académicos, debates e relatorios sobre modernización e eficiencia das administracións públicas, a programación do congreso inclúe actividades para dar a coñecer a riqueza turística, cultural, termal e enogastronómica da provincia, promovendo produtos locais de proximidade e proxectando a “marca Ourense” ante profesionais de todo o país.
A cita conta tamén coa colaboración do Concello de Ourense, o Inorde, o Consello de Contas de Galicia e o Consello Xeral de COSITAL (Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local).

