Restricións de tráfico a semana próxima por obras nas rúas Río Arnoia, Gómez Franqueira e contorna da antiga estación

Redacción

A Policía Local do Concello de Ourense informa de que a Xunta de Galicia executará desde o luns, 21, ata o xoves, 24 de setembro, obras de reasfaltado nas rúas Río Arnoia, Eulogio Gómez Franqueira e a contorna da antiga estación de autobuses. Os traballos ocasionarán cortes de tráfico escalonados por tramos durantes estes días, garantindo en todo momento a circulación do transporte público. Para minimizar o impacto na mobilidade urbana, os traballos desenvolveranse de maneira secuencial e por tramos, con este cronograma operativo:

  • Luns, 21 de setembro:
    • Mañá: Corte de circulación na rúa Río Arnoia, no tramo comprendido entre a avenida de Santiago e a rúa Alejandro Pedrosa.
    • Tarde: Continuación dos traballos na rúa Río Arnoia, desde a rúa Alejandro Pedrosa ata a rúa Quintián.
    • Tramo posterior: Finalizada a fase anterior, as actuacións estenderanse desde a rúa Quintián ata Eulogio Gómez Franqueira.
  • Do martes 22 ao xoves 24 de setembro:
    • Interrupción do tráfico no treito da rúa Gómez Franqueira comprendido entre a intersección coa rúa Quintián e a rúa Santa Ana.
    • A continuación, procederase ao peche á circulación do tramo restante ata a rotonda da antiga estación de autobuses.

Garántese o servizo de transporte público

Durante a execución das obras, os treitos afectados permanecerán pechados ao tráfico xeral. Non obstante, manterase habilitado o paso exclusivo das liñas de autobuses urbanos, cuxo tránsito será xestionado e regulado en tempo real polo persoal de sinalización da empresa adxudicataria dos traballos. Rógase aos condutores que extremen a precaución, presten atención á sinalización provisional de obra e utilicen vías de circulación alternativas durante o período fixado.

Comparte este artigo