- – O encontro, organizado coa colaboración da Asociación Galega de Linfedema, reuniu no edificio administrativo pontevedrés da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal a profesionais da saúde e pacientes
- – Especialistas de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Dermatoloxía, Fisioterapia e Coidados analizaron o manexo integral, o diagnóstico precoz e as abordaxes máis avanzadas desta patoloxía
A sala de conferencias do edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal de Pontevedra acolleu hoxe a celebración da xornada científica e divulgativa Avances e Estratexias na Insuficiencia Venosa Crónica en Galicia, un evento organizado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema, Insuficiencia Venosa Crónica e Lipedema.
A inauguración deste evento contou coa benvida institucional por parte de representantes da Dirección da Área Sanitaria e da propia Asociación Galega de Linfedema, dando paso a un intenso programa orientado a analizar a insuficiencia venosa crónica coma un problema relevante de saúde pública na Comunidade galega.
Abordaxe integral: diagnóstico, tratamentos endovenosos e coidados
A xornada desenvolveuse en dous grandes bloques temáticos. No primeiro deles, centrado na prevalencia, diagnose e abordaxes de vangarda, o doutor Delfín Couto Mallón, especialista en Anxioloxía e Cirurxía Vascular do Hospital Montecelo de Pontevedra, expuxo os protocolos asistenciais desde a Atención Primaria ata a cirurxía endovenosa. Así mesmo, a doutora Eva Pérez Carballo, do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, afondou na implementación da responsabilidade afectiva no ámbito da consulta médica.
O segundo bloque desta xornada científica e divulgativa afondou nos tratamentos conservadores e no coidado continuado da persoa con insuficiencia venosa crónica. A fisioterapeuta María Grobas Barbazán analizou a eficacia e adherencia á terapia compresiva, mentres que a doutora Laura Salgado Boquete, xefa do servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, abordou as claves para o coidado da pel ante posibles complicacións.
A programación do evento completouse coas intervencións de José Manuel Rosendo, responsable da Asesoría de Feridas Complexas do CHUP pontevedrés, quen tratou a prevención da cronicidade e a perda de autonomía, e de María Araujo Rey, traballadora social da Asociación Galega de Linfedema, quen centrou a súa exposición no papel do asociacionismo e nas necesidades non cubertas dos doentes con insuficiencia venosa crónica grave. A cita concluíu cun debate aberto cos asistentes e a lectura das principais conclusións para a práctica asistencial.

